Viernes 22.03.2019

O CHUF súmase ó Día Mundial do Ril, centrado na saúde renal xeral

Máis da metade das consultas por enfermidade renal crónica teñen a súa orixe en doenzas evitables

As mesas informativas estiveron dispostas durante a mañá na entrada principal do Arquitecto Marcide | daniel alexandre
As mesas informativas estiveron dispostas durante a mañá na entrada principal do Arquitecto Marcide | daniel alexandre

A unidade de Nefroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF) e a Xerencia Integrada sumaronse onte ó Día Mundial do Ril, que colaboran coa Federación Alcer Galicia nas súas reivindicacións. Esta asociación dispuxo onte unha mesa informativa no corredor do Hospital Arquitecto Marcide, e á fronte da mesma estiveron o responsable da Xerencia, Ángel Facio Villanueva e o de Nefroloxía do CHUF, Pablo Bouza Piñeiro, xunto co presidente de Alcer Coruña e da Federación Alcer Galicia, Rafael Rodríguez Martínez, así como a traballadora social de Alcer Coruña, Ángela Breijo Durán. 

Baixo o lema “é saúde renal para calquera persoa en calquera lugar”, preténdese concienciar sobre a crecente carga da enfermidade renal en todo o mundo e a necesidade de implementar estratexias de prevención e tratamento das enfermidades renais. Neste senso, desde a área de Nefroloxía do complexo fixeron referencia ós estudos que indican que, no ano 2040, a enfermidade renal crónica será a quinta causa de anos de vida perdidos, só detrás de doenzas como a coronaria, o ictus, as infeccións do tracto respiratorio baixo ou a enfermidade pulmonar obstrutiva crónica.

Segundo indican desde o CHUF, a insuficiencia renal é a alteración da función do ril limitando a capacidade de eliminación dos produtos tóxicos do organismo. Máis da metade das consultas por enfermidade renal  crónica teñen a súa orixe en doenzas evitables como a diabetes e a hipertensión. Motivos polos que resultan tan importantes as medidas de prevención na poboación xeral e a detección precoz en persoas en idade avanzada, con hipertensión, diabetes ou pacientes con enfermidade cardiovascular en xeral. 

Dende o departamento de Nefroloxía do Complexo Universitario insisten en seguir unhas liñas xerais de prevención na poboación xeral, como facer exercicio físico a tódalas idades e evitar o sobrepeso, tamén levar unha boa dieta con restrición do consumo de sal e graxas saturadas, non fumar e limitar o consumo do alcohol. A enfermidade renal ten un carácter progresivo e un desenvolvemento gradual que pasa por distintos estadios, por iso o importante é previla ou, cando menos, detectala en fases iniciais para evitar a súa progresión.

A atención ás enfermidades do ril recae en Nefroloxía da Xerencia Integrada de Ferrol, que ten como misión a atención ós pacientes con patoloxía renal, tanto aguda como crónica, ó longo dos diferentes estadios evolutivos da enfermidade. Un total de cinco facultativos especialistas e dez profesionais de Enfermaría, entre diálise e consulta, ocúpanse do coidado dos pacientes, xunto co persoal de hospitalización, e contando igualmente co apoio dos profesionais dos centros de saúde en tódalas etapas da enfermidade.  

A atención en Nefroloxía abrangue a Hospitalización, as Consultas Externas, e a Unidade de Diálise. Esta última ten capacidade para realizar tódalas diferentes terapias. Realízase diálise domiciliaria e a hemodiálise de crónicos e de agudos. No caso da hemodiálise existe no Complexo para a súa aplicación un sistema de tratamento con capacidade de producir auga ultrapura, totalmente libre de contaminación bacteriana. Cóntase tamén cunha nova máquina portátil para a hemodiálise domiciliaria que favorece a rehabilitación social e laboral do enfermo crónico e, ademais, simplifica moito o tratamento.

Comentarios