Charlas, concertos e obradoiros no Festival de Música Galego-Portuguesa da vila de Cedeira

A vila de Cedeira acollerá desde o venres e ata o domingo a segunda edición do Festival de Música Galego-Portuguesa, cita que este ano será desenvolvida baixo o lema “Traz outro amigo tambén” e que xirará arredor da temática da lusofonía. Charlas, obradoiros e concertos encherán de contido un programa que pretende estreitar lazos co país veciño, reivindicar o valor da música como ferramenta de transformación social.
A actividade comezará o venres, ás 18.00 horas na sala Áncora, cun obradoiro de danza africana impartido por Marta Coutinho. Ás 19.00 horas, no Palacete municipal, o profesor de Lingua Portuguesa na Escola de Idiomas da Coruña, José Luis Fernández, estará ao frente da xornada sobre “O português no mundo da comunicaçao”. Ás 21.00 horas, no Auditorio Municipal, o músico e cantor luso Luiz Caracol ofrecerá un concerto.
A xornada do sábado comezará ás 17.00 horas, na sala Áncora, cun obradoiro de cante alentejano con Celina da Piedade.
O profesor de portugués, Mauricio Castro, falará no Palacete sobre as razóns do reintegracionismo. A banda formada por músicos brasileiros residentes en Portugal Couple Coffee a a cantante galega Uxía actuarán a partir das 22.30 horas no Auditorio.
Domingo
O domingo, o profesor e investigador da USC Ramón Mariño Paz, impartirá unha conferencia titulada “Galego-portugués, galego e portugués”. Será ás 12.00 horas no Palacete.
Ás 19.00 horas, celebrarase un concerto de Celina da Piedade no Auditorio acompañada polos asistentes ao obradoiro, co que se pechará o programa.

Charlas, concertos e obradoiros no Festival de Música Galego-Portuguesa da vila de Cedeira

Te puede interesar