O Chanfaina Lab de San Sadurniño opta ao galardón do público da feira Culturgal

O Chanfaina Lab de San Sadurniño opta ao galardón do público da feira Culturgal
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-0761c481

O Chanfaina Lab, encontro audiovisual que cada ano, desde hai cinco, converte ao municipio de San Sadurniño en escenario de rodaxe para as curtas de creadores e realizadores de toda a comunidade vén de ser escollido entre as tres iniciativas que optarán ao Premio do Público do Culturgal 2018.

Esta Feira das Industrias Culturais, que nos seus dez anos de vida erixiuse no principal escaparate do que no eido da creación (música, artes escénicas, cinema, etc) se fai en Galicia, terá lugar entre o 30 deste mes e o 2 de decembro en Pontevedra.

Xunto á proposta da comarca de Ferrolterra, as asociacións gremiais que forman parte de Culturgal elixiron outras dúas candidaturas para optar ao mesmo galardón: a Casa de Rosalía e a Rede Cultural da Deputación da Coruña.

Valóranse, como é habitual, aquelas propostas novidosas, con proxección de futuro, transversais e asociativas, que se relacionen directamente coa sociedade civil e fomenten a súa implicación.

O público será quen decida cal das tres levará o premio. Todas as persoas interesadas podern participar a través da app Easypromos, especializada na xestión da participación do público en votacións en redes e que permite á Feira compartila en todas as súas canles. O último día para votar será o venres 23 ás 23.59 horas.

A concelleira de Cultura de San Sadurniño, Sabela Íñiguez, salienta que a candidatura do Chanfaina “é un recoñecemento para un evento dun concello pequeno, feito con poucos recursos pero con moito cariño”.

Humildade
A responsable da iniciativa –impulsada dentro de “Fálame de Sadurniño” polo académico Manolo González– apunta a que, malia a súa “humildade económica e organizativa”, logrou entrar con forza no circuito audiovisual galego grazas á participación de “grandes creadoras e creadores autóctonos traballando man a man e en igualdade de condicións coa xente do noso territorio, teña ou non experiencia. Iso é o que fai realmente especial ao Chanfaina: a implicación social”.

Tal e como salientan na propia páxina web do Culturgal, o Chanfaina Lab é un proxecto de creación colectiva que implica de maneira activa a creadores e veciñanza e que segue medrando ao longo das súas cinco edicións. 

“Aquí, a idade, a formación ou a traxectoria non marcan diferenzas, senón que enriquecen este encontro que se visibiliza en dous momentos do ano, un de realización e outro de proxección”, sinalan desde a organización.

O Chanfaina Lab de San Sadurniño opta ao galardón do público da feira Culturgal

Te puede interesar