Os centros educativos rematan o trimestre con 54 casos activos e cinco aulas pechadas

Os centros educativos rematan o trimestre con 54 casos activos e cinco aulas pechadas
Os centros de ensino tiveron que adaptarse ás novas circunstancias | j.m.

Os centros educativos de Ferrolterra pecharon o trimestre máis difícil con 54 casos activos –a cifra máis baixa desde o 24 de outubro– e cinco aulas pechadas. Desde que se reanudou a actividade docente presencial, un total de 92 deles tiveron algún caso de Covid. Foron meses de tensión continua, de posta en práctica de protocolos sempre en cambio e que serviron tamén para constatar que as aulas non parecen ser un gran foco de transmisión e que responden á evolución do seu entorno. Nos momentos de repunte ou de brotes concretos nalgunhas localidades (nos últimos días sucedeu nas Pontes), abrollan tamén os casos nos centros escolares, e adoita ser ademais un indicador de que o entorno vai ben o feito de que non haxa colexios afectados nunha zona.

A progresiva aparición de casos provocou moitas dúbidas e queixas. Cada situación estúdase e trátase de forma individualizada, polo que a decisión de a quen se lle fan PCR dentro dunha clase, a velocidade á que se realiza o rastrexo, quen é contacto estreito, como se comunica a información ou en que momento se toma a decisión de pechar un aula provocou moitas inseguridades. A Xunta comunica cada día os casos que se detectan e en que centros, pero esta información pode facerse pública con algún retraso e ter despois correcións, e refírese tanto a alumnado como profesores e outro persoal relacionado con centros que poida que incluso non estiveran xa asistindo. Isto resultou tamén en queixas, sobre todo nas primeiras semanas, ante a alarma que podía provocar coñecer un caso nun centro.

Foron 169 días con positivos –as clases empezaron o 11 de setembro e o 19 comunicouse o primeiro diagnóstico–, e deles tan só 20 nos que non houbo polo menos unha aula pechada nalgún centro de ensino das comarcas de Ferrol, Eume e o Ortegal. Ademais, nas últimas semanas pechou unha escola infantil durante uns días. A clausura de aulas ou centros está usualmente relacionada cos nenos de menor idade, porque se considera que é máis difícil o cumprimento estrito do protocolo que garanta que non haxa transmisión, ademais de que en Infantil non é obrigatorio, aínda que si recomendable, o emprego de máscara. Noutros niveis o peche decrétase a partir de tres positivos nunha mesma aula, pero sempre despois de que haxa un estudo dos casos e por decisión das autoridades sanitarias.

O período de maior número de positivos coincidiu tamén coa enorme subida de casos a principios de novembro. Entón, nas aulas de Ferrolterra chegáronse a rexistrar 151 casos. Porén, foi en decembro cando houbo más clases en cuarentena, con nove o primeiro deste mesmo mes.

 

Tres casos en residencias

O Nadal chega cun descenso que pon os colexios nunha situación ao mesmo nivel que hai dous meses, superado o pico desta onda. O mesmo sucede cos centros asistenciais, que sumaron novas altas de usuarios, de forma que queda unha persoa maior que é positiva nas Virtudes, en Pontedeume, e dous traballadores na residencia San José, en Narón.

En toda a área sanitaria, continúan tamén a baixar os casos activos, froito da reducción dos contaxios –15 por PCR no último balance– e do elevado ritmo de altas epidemiolóxicas. Onte rexistrábanse na estatística 426 persoas con coronavirus activo, das cales 33 (catro menos que o día anterior) estaban ingresadas no Arquitecto Marcide. Tres delas están na UCI. Un total de 85 persoas con Covid faleceron desde marzo.

 

Concellos

A baixada reflíctese tamén nos datos municipais, onde os concellos con máis contaxios vanos reducindo aos poucos. As Pontes continuaba onte o seu descenso, situándose xa por debaixo dos 1.000 casos por 100.000 habitantes en 14 días.

Ferrol deixaba atrás a barreira dos cen diagnósticos en dúas semanas e por primeira vez en semanas a súa incidencia acumulada baixa de 150, unha franxa na que se atopa Narón. Os concellos con cero casos son agora tres: Mañón, A Capela e Cerdido.

Os centros educativos rematan o trimestre con 54 casos activos e cinco aulas pechadas

Te puede interesar