Os casos activos de Covid-19 volven baixar grazas á moderación nos contaxios

Os casos activos de Covid-19 volven baixar grazas á moderación nos contaxios
Os novos contaxios baixaron por debaixo dos dez diarios, o que alivia a situación na área sanitaria | d.a.

O número de altas epidemiolóxicas de Covid-19 mantense por riba das dez diarias, mentres que os novos contaxios levan tres días con cifras baixas (seis positivos houbo onte e, nos días previos, cinco e catro). Deste modo, o número de casos activos dos que se fai cargo a área sanitaria de Ferrol baixa por terceiro día consecutivo e sitúase en 164 persoas, a máis baixa desde hai vinte días.

A práctica totalidade deles permanecen illados nos seus domicilios (156). Porén, hai oito persoas que precisan hospitalización, unha cifra que tamén se mantén estable nos últimos días. A única variación é que hai un paciente menos co coronavirus na UCI, pasando de dous a un. 
Esta tregua e a expectativa sobre como pode ser a evolución da pandemia na área nos próximos días ten a súa correspondencia tamén nos centros de ensino e nos sociosanitarios. No caso dos recintos escolares, os datos oficiais que fai públicos o Sergas manteñen a mesma situación que o venres, con seis positivos detectados na comunidade educativa e unha única aula pechada, no CPI As Mirandas, en Ares. Os demais son o IES Fene, o IES Leixa, o CPI O Feal e o CEIP de Piñeiros. En canto aos centros sociosanitarios, nos que se inclúen as residencias de anciáns, ademais das que atenden á discapacidade, a área sanitaria segue sen casos activos.

A evolución nas áreas veciñas, a da Coruña e a de Lugo, que foi preocupante nalgún momento do verán, semella agora continuar unha tendencia á baixa que tamén pode beneficiar á situación de Ferrol, debido á interdependencia que existe entre elas.

En calquera caso, as autoridades insisten na importancia de manter as medidas que se demostraron efectivas, como a distancia física, o emprego de máscara e a hixiene frecuente de mans. Tamén resulta imprescindible seguir as indicacións en canto aos illamentos domiciliarios e as corentenas.

Os casos activos de Covid-19 volven baixar grazas á moderación nos contaxios

Te puede interesar