O cantante Paco Montero súmase ao Ano Carvalho cun disco no que pon música a oito poemas

O cantante Paco Montero súmase ao Ano Carvalho cun disco no que pon música a oito poemas
Entrevista a Paco Montero

Logo dunha xestación de máis de catro anos, o cantante Paco Montero, vocalista dos míticos Los Tamara, presenta este venres no teatro Jofre de Ferrol –20.30 horas– un disco con poemas musicados de Ricardo Carvalho Calero, homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.

O último proxecto musical de Montero ten formato de disco-libro, un produto no que, insiste o cantante ferrolán, tivo moito que ver o deseñador e fotógrafo Jesús Romero, así como moitos outros colaboradores que o foron, e seguen a facelo, arroupando ao longo de todos estes anos. 

A idea de crear algo arredor da figura de Carvalho vén de lonxe e parte da admiración que Montero sente polo polígrafo da Praza Vella. “É galego e ferrolán, coma min”, subliña Montero, “e, como galeguista que son, sempre sentín a necesidade de homenaxear os nosos e as nosas poetas. É a miña particular forma de expresarlles a gratitude que sinto por todos eles. E Carvalho Calero tiña que estar aí tamén”.

O feito de ter que conciliar a preparación deste traballo con outros proxectos e as dificultades para atopar colaboración e financiamento –que si atopou finalmente na Xunta de Galicia– foron adiando o remate deste disco-libro que xa de por si tiña as súas propias complicacións, como a de adaptar os poemas de Carvalho á rima musical, sinala o seu produtor. “É difícil de musicar e a verdade é que non foi doado escoller as poesías”, explica Montero. “Finalmente elixín aquelas nos que podía adaptar dalgún xeito a métrica da rima ao verso musical”, engade, “así que optei por cantar algunhas e por recitar outras”. 

Oito máis catro 
O traballo recolle oito poemas de Carvalho Calero, escritos en diferentes épocas, mais polo xeral enraizadas na súa cidade natal. Algunhas destas composicións foron obxecto de pequenas mudanzas na forma e tamén nos títulos. “Foi pola primadeira” (sic), “Miña Virxen Parrocheira”, “Carro de bois na noite”, “Vaise esvaindo o amor”, “A miña estilográfica”, “A canción das lavandeiras”, “Noiturno compostelán” e “Romance de noite e mar” son adaptacións de textos de Carvalho, ás que hai que engadir outras catro da autoría do propio produtor, e todas elas con dedicatoria: “Rosalía”, á gran poeta do Rexurdimento; “A Muralla”, ás xentes de Ferrol, “Xavi, o impala ferrolán”, ao triatleta Javier Gómez Noya; e “Guti, o actor poliédrico”, a outro Javier, neste caso Gutiérrez, actor afincando desde novo na cidade naval. 

Para Montero, as oito composicións de Carvalho teñen un fondo significado e, se ben reitera que a complexidade de musicalas foi importante, recoñece que en ningún momento se cuestionou a viabilidade da obra. “Vinme atraído polas vicisitudes da súa vida, que non foron poucas pero que, sen embargo, non impediron que seguira escribindo e mantendo o seu compromiso”, explica. “Destaco”, precisa, “a súa honestidade e a valentía que seguiu demostrando a pesar dos atrancos; el seguiu escribindo coa súa idea de liberdade, e iso é unha cualidade que di moito del”. 

Montero presentará o disco apoiado por algunhas das persoas que o acompañaron neste proceso creativo, entre eles o grupo ferrolán Los Feriátricos.

O cantante Paco Montero súmase ao Ano Carvalho cun disco no que pon música a oito poemas

Te puede interesar