Budiño puxo a nota musical á intensa xornada “castrexa” vivida en Sedes co “Oenach Atlántico”

Budiño puxo a nota musical á intensa xornada “castrexa” vivida en Sedes co “Oenach Atlántico”
O músico galego Xosé Manuel Budiño ofreceu un concerto onte ao mediodía no marco do “Oenach Atlántico” | kiko delgado

O recinto feiral do Trece, convertido onte nunha auténtica aldea castrexa, recibiu a visita de centos de persoas dispostas a gozar dalgunha das numerosas propostas ofrecidas polo “Oenach Atlántico”, Festa de Interese Turístico de Galicia que neste 2022 chegou a súa vixésimo segunda edición da man do Padroado da Cultura de Narón en colaboración coa AVV Rosa dos Ventos de Sedes.


A actividade comezaba xa pola mañá coa recreación de oficios e costumes da vida comunitaria dos castros que se ía desenvolvendo nas pallozas situadas na zona, onde artesáns da cestería, da lá, do ferro ou da madeira ían amosando parte do traballo que se realizaba na época.


De poñer a nota musical nesta edición do evento encargouse un recoñecido artista galego, o gaiteiro galego Xosé Manuel Budiño, que aproveitou a súa actuación na parroquia naronesa para adiantar algúns dos temas do seu novo disco. Así remataba a xornada matinal para, logo do descanso para o xantar, voltar a actividade durante a tarde na campa do Trece. Retomáronse os xogos populares e os veciños e veciñas da parroquia continuaron cociñando para os visitantes receitas tradicionais como as bolas da sartén, bolos preñados e carne ao caldeiro. Tamén continuaron os artesáns amosando os seus labores mentres que sobre as cinco da tarde, Rilo e Penadique saltaban a escena para representar a obra “Asdomare”, un espectáculo para público familiar creado na etapa do confinamento e que fala das mulleres no mar.


Eiravedra


A xornada foi avanzando coas diferentes propostas ata chegar á encargada de poñer o broche final a cita, que tivo como escenario o Castro de Eiravedra. Alí desenvolveuse, a partir das 22.30 horas, a tradicional “Noite no castelo”, coa posta en escena da obra “O paxaro de Eiravedra”, dirixida por Laura Aneiros e a cargo da Grande Compañía de Teatro Comunitario de Sedes, da que tamén forma parte a propia directora.


Poñíase así o punto e final a unha festa de recreación histórica para cuxa celebración é fundamental ano tras ano a implicación dos veciños e veciñas da parroquia de Sedes..l

Budiño puxo a nota musical á intensa xornada “castrexa” vivida en Sedes co “Oenach Atlántico”

Te puede interesar