Bieito Romero | “Traballos como estes son relevantes para reclamar o coidado de lugares excepcionais”

Bieito Romero | “Traballos como estes son relevantes para reclamar o coidado de lugares excepcionais”
O grupo galego está inmerso nunha xira que os está a levar por toda Europa, América Latina e o territorio español

. O líder da banda, Bieito Romero, salienta a importancia de traballos como este para “chamar a atención de lugares excepcionais que temos moi preto da casa e sobre todo para reclamar tamén o cuidado destes lugares extremadamente delicados”. Esta tarde, ás 20.30 horas, ofrecerán un concerto no Teatro Jofre. As entradas custan 18 euros.

Este disco é o primeiro que fan destas características, para potenciar e difundir a Ribeira Sacra a través da música. Como xurdiu este proxecto?
Efectivamente é o primeiro disco conceptual que facemos sobre a Ribeira Sacra e eu creo ademais que é o primeiro disco que se fai integramente sobre esta zona. Teño que matizar que é sobre a Ribeira Sacra ourensá, que é a parte que a min particularmente máis directamente me toca, xa que de alí é a miña familia, tanto por parte de pai como de nai. Mergullámonos a investigar, a escudriñar toda a zona e atopamos moito material que ao final cribamos e que deu como resultado este traballo.

Todo ese material resumiuse finalmente nun disco de 26 temas. Como resultou o proceso de creación do mesmo?
Tivemos que cribar moito porque daba para facer varios discos, pero un cedé é limitado. Son 26 cortes, dos que só 14 son música, temas feitos por nós. As outras doce son recollidas que nós mesmos fixemos de sons ambientais de toda esa Ribeira. Gravamos sonoridades propias da zona para intercalalas entre a música para que a xente, ao tempo que escoita a música, estea metida no contexto a través destas pequenas gravacións de campo, sonoridades da banda sonora da natureza e da parte humana da Ribeira Sacra.

Contaron ademais neste novo traballo con ducias de colaboradores que achegaron o seu grao de area.
Si, estivemos moi ben acompañados de amigos como Ses, a Coral de Ruada, a asturiana Marisa Valle, Astarot ou Víctor Manuel, que colaborou con nós por primeira vez. Esta era unha colaboración á que lle tiñamos moitas ganas. É un home ao que admiramos moitísimo e propuxémoslle que cantase un poema dedicado ao afiador. Foron todas colaboración que nos aportaron matices e detalles moi importantes para este traballo.

Como está a responder o público a este disco?
A sensación é moi boa, porque é un traballo tan sumamente conceptual que fóra do lugar parece difícil poder explicar o que significa a Ribeira Sacra. Pero fíxate que o 90% dos concertos que nós estamos facendo desde hai anos son fóra de Galicia, tanto no estado como a nivel internacional, e a xente está encantadísima con este traballo e como llo imos contando. Explicamos as lendas, as historias, as músicas que fomos sacando de alí... e o certo é que temos unha xira moi potente que nos vai levar por todo o mundo. Agora marchamos para América (Chile, Uruguay, Arxentina...).

Antes diso, concretamente hoxe, faredes unha parada en Ferrol, no Jofre, para presentalo ao público da comarca.
Si, aí estaremos esta tarde. É a terceira ou cuarta vez que actuaremos no Jofre, e sempre desexamos volver, porque tanto en Ferrol como na comarca sempre nos tratan moi ben. Non será un espectáculo musical nada máis. Case haberá teatro, música, moitos convidados e moitas sorpresas. l

Bieito Romero | “Traballos como estes son relevantes para reclamar o coidado de lugares excepcionais”

Te puede interesar