De Betanzos a Ordes (Na brétema, Bruma)

De Betanzos a Ordes (Na brétema, Bruma)
Diario de Ferrol-2019-08-11-014-7c7f5839

Desta volta o peregrín fará ben en atar ben os vencellos (da alma, dos pés) porque a etapa de hoxe ten pouco de brincadeira, e moito de brincallona, máis só polos brincos que terá de dar polo Camiño. Que sube, gavea, revira, abafa e apenas deixa tregua nos case corenta quilómetros que levan de Betanzos a Ordes. Ollo, falo de grupos grandes, que ata este ano podían pasar a noite en Mesón do Vento. Por razón que descoñezo o Concello de Ordes mudou agora a súa hospitalidade ao núcleo urbán, a un polideportivo semellante ao de Mesón. 

Por suposto que atrás ficara en Bruma, fin da etapa “comme il faut”, un albergue oficial, mais estes non son para grupos grandes e si para abeirar un número cativo de peregríns, e moi madrugadores. Hai quen viaxa desde que esperta o día, o que non é o caso de grupos como o que eu movo. Alzados, así e todo, a unha hora razonable. 

Nesta etapa, a reinona, dígolle eu, estabamos deixando Betanzos contra das 7: 30, cunha dúcia de horas por diante, e o espírito tan no alto cal o sol que ese día non fixo senon acompañarnos. E eu, pouco parcial do astro rei, que din, tiven de beber moito líquido para compensar a súa perda. Día duro, pois, para unha etapa dura. Que os ideólogos do Camiño teñen molificado. 

Antes, nas miñas primeiras andainas, pasado Presedo, compría subir, por vieiros ruíns, algún case de cabras (poñamos), as míticas costas de Vilacoba e Vizoño. Home, tampouco é que sexan émulas do K2, mais compre apretar os dentes e termar da mochila ben estibada para coroar ambas. Desde hai un ano os codificadores do Camiño tracexaron, para evitalos, o seu beireado, de maneira que, aínda tendo que subir e subir, ¡a vida!, pasado o encoro de Peche o Camiño Inglés, que vimos facendo desde Ferrol, enlace co que vén da Coruña. Nun lugar do Concello de Carral, atrás, Mabegondo, Abegondo, diante Mesia (hai tempo que os eucaliptos desapareceran dando paso a carballos, faias, ameneiros, nun caleidoscopio moito máis autóctono), batemos no lugar das Travesas con Casa Avelina, onde dúas mulleres, Avelina e Carmen exercen de anfitrionas e –ademais–  samaritanas. Avelina levou a unha miña peregrina ao Centro Médico de Ordes. E iso sen me consentir arranxar un taxi para facer o propio. Elas mesmas ensinan a Ermida de San Roque, San Roquiño e o seu can a facerlle a competencia ao santo adalide, na outra banda da estrada, pois dispoñen da chave. 

En Galicia abonda a xente boa, petade na súa porta e xa o veredes. Logo de Casa Avelina chegamos a Bruma, onde Benigno, o hostaleiro, se non pode dar leito (xa non quedan) dará bos conselllos. E poisque compre seguir (non che hai outra) andaremos e andaremos, por lugares como Cabeza de Lobo ou Ardemil, por pistas que nos levan por aldeas onde os veciños, poucos, miran para nós como quen mira pasar comboios lentos. 

Agora apenas hai costas, senón as mentais que atrancan o noso camiñar cara a Ordes. A capital do concello. Que non está no Camiño, xa se dixo, mais para nós ten que ser hoxe “parada y fonda”. Eu no clásico Nogallás, como fuxido dos anos sesenta. Quen me barbea cada mañá máis vello aínda. A vidiña.

De Betanzos a Ordes (Na brétema, Bruma)

Te puede interesar