jueves 24/9/20

Benestar Social busca estender Xantar na Casa a 45 persoas e mellorar os convenios coa Xunta

As peticións para subvencionar o comedor superaron o medio milleiro, a pesar das dúbidas que plantexa o Covid | m.m.
As peticións para subvencionar o comedor superaron o medio milleiro, a pesar das dúbidas que plantexa o Covid | m.m.

A concellería de Benestar Social negocia coa Xunta a ampliación do número de beneficiarios do programa Xantar da Casa, que achega semanalmente un menú equilibrado a persoas maiores e ás que teñen dependencia. O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar presta este servizo en colaboración cos municipios. Ata o de agora, en Ferrol chega a 37 persoas (incrementouse en 22 nos últimos meses) e as pretensións do departamento que dirixe Eva Martínez é que se alcancen os 45 usuarios.

A edil reuniuse co xerente do Consorcio, Perfecto Rodríguez, para avanzar neste convenio, que terá que levarse a comisión para sometelo ao ditame do pleno en agosto. O período de vixencia será de catro anos, prorrogable outros catro, coa previsión de que esta cifra dea marxe suficiente para atender as necesidades que poidan xurdir. En calquera caso, está aberto a modificacións se fose necesario segundo a evolución da situación e a dispoñibilidade económica.

Centros de día e infantís 
Outra cuestión que se tratou no encontro ten que ver cos convenios que rexen os centros de día e as escolas infantís que rexenta o Consorcio na cidade. Neste caso as negociacións non están pechadas, aínda que se avanzou nuns borradores que contemplan que teñan unha duración de catro anos, igual que o de Xantar na Casa. Tamén está previsto que se poida aumentar o número de prazas no caso dos centros de día.

O Concello informou ademais de que ten disponibilidade para asumir este incremento de inmediato, pero que se chegou ao acordo de agardar ata o vindeiro ano debido aos problemas actuais que provoca a pandemia de coronavirus e que está a condicionar toda a acción dos servizos sociais. “Ferrol necesita ampliar as súas prazas e temos un compromiso adquirido”, asegurou Martínez Montero.

En canto ás escolas infantís, ubicadas en Esteiro e en Caranza, a novidade do borrador do convenio é que o Consorcio asumirá os subministros e o mantemento das dúas e, a cambio, o Concello aumentará o gasto por alumno. Estas modificacións, que desde o goberno local encadran dentro dos convenios que se están a asinar coas outras cidades galegas, entrarían en vigor a partir do próximo febreiro.

Benestar informa ademais de que hoxe se publica na web municipal a listaxe das axudas á escolarización (95 euros por neno para adquisición de material escolar) e do comedor (que cobren a totalidade dos gastos). Establécese un prazo de dez días hábiles para facer alegacións ou para presentar a documentación pendente.

Segundo informa a concellería, para a escolarización pedíronse 939 axudas, das que se resolveron positivamente 404, mentres que están pendentes 535. No comedor, concedéronse 204 e están pendentes 301.

Comentarios