martes 14.07.2020

“BENenBICI”, a aposta do Ferrolterra por un medio de transporte ecolóxico

O CIFP Ferrolterra impulsa, en colaboración con outros centros educativos e empresas, un proxecto para a creación dun aparcadoiro de bicicletas que vén de recibir un premio de máis de 33.500 euros na convocatoria dirixida a iniciativas de innovación na FP
Juan Santalla é o coordinador do proxecto premiado pola Consellería de Educación | daniel alexandre
Juan Santalla é o coordinador do proxecto premiado pola Consellería de Educación | daniel alexandre

De madeira, cuberto, modular, dotado dun punto de recarga eléctrica e cunha aplicación para contabilizar os kilómetros que se fan ao ano. Así será o aparcadoiro de bicicletas que o CIFP Ferrolterra impulsa a través do proxecto “BENenBICI”, unha iniciativa que vén de ser recoñecida pola Consellería de Educación no marco da convocatoria dos premios para o desenvolvemento de proxectos de innovación tecnolóxica cunha dotación de máis de 33.500 euros.

A proposta, na que colaborarán o CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro de Ferrol, o IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez da Estrada, a Escola Universitaria de Deseño Industrial do Campus local así como as empresas Cándido Hermida e Finsa, nace da man do Departamento de Madeira do instituto ferrolán. “O proxecto xorde da idea de fomentar os desprazamentos en bicicleta para acudir ao centro. Cremos que ademais de ensinar carpintaría ao alumnado, desde o centro temos que promover hábitos saudables e sostibles como é desprazarse en bicicleta”, comenta o profesor Juan Santalla, coordinador da iniciativa.

Seguridade
Dispor dun lugar seguro no que deixar o vehículo é, sen dúbida, un elemento fundamental para animar ao uso deste tipo de medio de transporte e ao que propón o centro ferrolán semella non faltarlle ningún detalle.

“Fixemos un proxecto no que se poida deixar a bici baixo cuberto, para que non se molle e non se vexa, no que se poida deixar tamén o casco, que estea situado á entrada do centro e que levará unhas placas solares para que as bicicletas eléctricas poidan ser recargadas mentres duren as clases”, explica.

Contará ademais cunha aplicación informática que permitirá contabilizar todos os kilómetros realizados ao longo do ano e a cantidade de veces que a persoa se desprazou ao centro en bici, para premiar aos máis comprometidos con este tipo de transporte ecolóxico. As propostas do prototipo sairán das aulas da Escola Universitaria de Deseño Industrial para, de xeito consensuado co Ferrolterra –cuxo departamento de Electricidade correrá a cargo da parte das placas solares e puntos de recarga–, elixir o modelo final que se fabricará. O Rodolfo Ucha desenvolverá a aplicación informática e o centro pontevedrés, a través do seu Departamento de Madeira, fará tamén unha réplica deste punto de estacionamento para bicis. Finsa subministrará o material de madeira para exteriores, que será “exclusivo, novidoso, de momento non está nin no mercado”, di Santalla; e Cándido Hermida botará unha man no proceso de produción do “BENenBICI”, para estar así en contacto coa empresa, “para non facer algo que logo sexa imposible de fabricar; así a empresa está de respaldo e nos pode redireccionar nalgún momento se é preciso”, comenta o coordinador. “Temos moita esperanza posta neste proxecto”, engade. A idea é “plantar a semente” para que logo estes aparcadoiros poidan ser instalados noutros edificios públicos co número de prazas que se considere en cada caso –o modelo inicial contempla espazo para unhas seis bicis, aproximadamente–.

A través deste proxecto levarase a cabo todo o proceso de investigación e será xerada toda a documentación, que quedará a disposición das persoas interesadas. Contémplase tamén a posibilidade de que algún alumno opte por producir o modelo a través dos viveiros de empresas.

Comentarios