O barrio de Catabois vestirase de flores co gallo da sétima edición da Festa dos Maios

O barrio de Catabois vestirase de flores co gallo da sétima edición da Festa dos Maios
Os organizadores animan aos veciños a decorar as súas vivendas | d. alexandre

O barrio de Catabois lucirá este sábado florido e cheo de cor con motivo da celebración da sétima edición da Festa dos Maios, cita que coincidirá, como vén sendo habitual, coa 6ª Feira de Artesanía e Oportunidades.
A xornada, organizada pola asociación  de Comerciantes e hostaleiros Echo Catabois, pretende contribuír á dinamización da zona, polo que animan á cidadanía a achegarse ata o barrio e gozar das variadas posibilidades que ofrece tanto desde o punto de vista da hostalería como do comercio.
No que atinxe á celebración dos Maios, preténdese que a implicación de negocios e veciños convirtan durante ese día o barrio nun mosaico de cores e flores para facer máis vistosa a estrada  principal.

Premios
Tal e como se apunta desde a organización, haberá un premio á mellor decoración por parte dos veciños, consistente unha contía  de cataleuros –moeda ideada desde ECHO para as súas celebracións– que terá que ser gastada nos negocios da zona.
Os establecementos asociados poderán optar tamén, a través da súa decoración, a un galardón consistente nunha publirreportaxe en Diario de Ferrol.
A música estará presente tamén durante toda a xornada da man de dous grupos tradicionais. Agarimo de Catabois encargarase de animar a sesión vermú para dar paso, xa pola tarde, á actuación da agrupación Virgen de la Amargura.

Postos
Xunto aos Maios, na estrada principal do barrio situaranse os postos que darán f0orma á Feira de Artesanía e Oportunidades.
Ata o de agora están inscritos xa uns corenta, se ben a cifra podería verse incrementada xa que ata o venres estará aberto o prazo de inscrición para aquelas persoas que desexen poñer os seus artigos á venda –terán que inscribirse no Café-Bar Ipanema.
Dentro da programación haberá espazo tamén para pasar un bo rato gozando dos xogos tradicionais.
Estes correrán a cargo do grupo “Os Picos do Sol”, que achgerá este tipo de propostas ao público entre as 12.00 e as 14.30 horas.

O barrio de Catabois vestirase de flores co gallo da sétima edición da Festa dos Maios

Te puede interesar