A Banda da Loba estrea o primeiro videoclip do seu disco “Fábrica de Luz”

A Banda da Loba estrea o primeiro videoclip do seu disco “Fábrica de Luz”
Diario de Ferrol-2020-01-08-013-819b4394

A Banda da Loba, o grupo no que está integrada a compositora e cantante pontesa-ferrolá Xiana Lastra, publicou onte na plataforma de vídeo Youtube o primeiro videoclip do seu segundo disco, que leva por título “Fábrica de Luz”. O bolero “Tigres coma cabalos”, inspirada nos versos da poeta Xela Arias, é a carta de presentación deste segundo LP que gravita arredor da figura da nai “nun concepto amplo”, sinalan desde a formación. 

Algúns dos temas que están incluídos neste cedé xa puideron escoitarse nas actuacións que a banda veu ofrecendo por diferentes puntos de Galicia ao longo dos últimos meses, de aí que, para as persoas que xa coñezan a traxectoria –breve, mais intensa, pois as cinco integrantes xuntáronse en 2016– desta formación non lles serán alleos, cando menos algúns deles. 

En “Fábrica de Luz”, explica Xiana Lastra, dáse continuidade ao seu disco inaugural, “Bailando as rúas”, caracterizado tamén polo eclecticismo de estilos, “aínda que se cadra neste segundo disco se note moito máis”. 

Inspiración 
A figura materna, entendida nun sentido amplo –a biolóxica e familiar, por suposto, mais tamén a terra, a casa ou a lingua...–, enche o espírito dun disco que, segundo comenta Lastra, supón tamén “unha homenaxe ás creadoras que nos precederon e que abriron os vieiros polos que agora transitamos nós”.

“Fábrica de Luz” reúne as composicións propias das cinco integrantes da Banda da Loba. “Nós vivímolo dun xeito moi natural porque compoñemos en grupo practicamente todos os temas”, apunta Lastra, quen subliña a intensidade coa que afrontan este proceso pola escaseza de tempo. Hai que ter en conta que no último ano e medio teñen ofrecido máis de setenta actuacións por toda Galicia, polo que ambos os dous procesos se desenvolveron de xeito paralelo. 

Mais con todas as dificultades que xorden, destaca a importancia de aproveitar “o tirón” e o bo momento que están a vivir.

A Banda da Loba estrea o primeiro videoclip do seu disco “Fábrica de Luz”

Te puede interesar