domingo 20/9/20

A arte contemporánea volta a San Sadurniño da man de A Colectiva

O proxecto “Arte Ambulante” inclúe unha exposición e dous obradoiros de fotografía de gran formato e danza
O acto de inauguración, celebrado onte pola mañá, incluíu unha visita guiada pola exposición | daniel alexandre
O acto de inauguración, celebrado onte pola mañá, incluíu unha visita guiada pola exposición | daniel alexandre

Levar a arte contemporánea galega a contornos rurais, deslocalizala das grandes urbes e, sobre todo, explorar co público interesado o que para os impulsores da cita significa a mesma: “a posibilidade de abrir novas ventás a través das que poder reflexionar sobre o noso contexto, compartir incertidumes e xerar pensamento”. 

Baixo esta filosofía regresou onte a San Sadurniño unha nova edición de “Arte Ambulante”, iniciativa impulsada pola asociación de artistas profesionais de toda Galicia A Colectiva e que inclúe unha exposición e dous obradoiros. A mostra, inaugurada onte pola mañá no Concello, reúne obras de varios autores e disciplinas: Eugenia Cuéllar e Juan de la Colina (pintura); Jesús Caballero e David Catá (fotografía); Iria do Castelo e Mauro Trastoy (escultura); Félix Fernández e Belén Montero (vídeo); e Cillas Rodríguez e Ana Cabanes (instalación).

A apertura da mesma foi acompañada dunha visita guiada –con inscrición previa– que volverá repetirse o sábado 26 desde mes, último día da mostra. Ata esa data as persoas interesadas en visitala poderán facelo en horario de 8.30 a 14.30 horas, de luns a venres. Tamén onte deu comezo, pola tarde, o primeiro dos obradoiros asociados a este proxecto financiado pola Deputación da Coruña. Trátase dunha actividade de fotografía de gran formato impartida polo experto Jesús Caballero e que se prolongará durante esta mañá no castelo de Naraío.

Xa no mes de outubro, os días 19 e 20, será a quenda para o taller “Danza Sansa”, coordinado pola realizadora Belén Montero. Ofértanse doce prazas para maiores de oito anos e as inscricións hai que facelas chamando ao teléfono 981 490 027 en horario de mañá ou enviando un correo a [email protected]

Comentarios