Domingo 21.04.2019

Ánxela Loureiro | “Son mulleres que o pasaron moi mal e non queren protagonismo, pero eu quixen darllo porque merecen unha páxina na Historia”

Escritora Dentro dos actos organizados polo Concello co gallo do 8M, Loureiro presentará esta tarde ás 20.00 horas no Torrente Ballester a obra “Voces da memoria con ollos de muller”, un libro no que narra as vivencias daquelas que loitaron pola liberdade na década do 67 ao 77 e que quedaron esquecidas ata hoxe

Os sucesos de marzo do 72 cobran gran protagonismo no libro, pois Loureiro viviunos en primeira persoa | jorge meis
Os sucesos de marzo do 72 cobran gran protagonismo no libro, pois Loureiro viviunos en primeira persoa | jorge meis

O 10 de marzo de 1972, Ánxela Loureiro levaba nove días con 16 anos e, a pesar da súa xuventude, tocoulle vivir unhas das etapas máis duras e combativas da súa vida. Por vivilo en primeira persoa e co ánimo de outorgarlles o lugar que se merecen na Historia, a ferrolá presentará hoxe no Torrente Ballester “Voces da memoria con ollos de muller” (Embora), un libro no que narra o sucedido entre o 67 –cando xurden os conflitos da Pysbe– e o 77 –ano no que se legalizan os partidos– na cidade naval.
Salientar o papel desas mulleres que loitaron desde a clandestinidade e marxinación –facendo propaganda, pedindo ás institucións a amnistía para os seus homes e maridos ou acollendo na súa casa a perseguidos, entre outros– e que sufriron tamén o medo e a represión é a principal motivación pola que Loureiro, acostumada a facer literatura infantil e xuvenil, se animou a recompilar estas historias.

A meirande parte dos acontecementos están sempre contados e documentados desde a perspectiva masculina, polo que era necesario coñecer o papel das mulleres...
Non só desde a perspectiva feminina, senón contando as actividades que realizaron. Hai lugares onde elas estaban pero que nas páxinas non quedaron reflectidas e como eu sabía que estiveran alí, porque por sorte ou por desgracia, estiven eu tamén, entón animeime. Empecei hai ano e medio a xuntalas e entrevistei a case 50 mulleres –tamén a homes– e non todas eran do movemento social. Hai algunhas que tiñan catro anos e contan de cando ían visitar ao seu pai ao cárcere, outras de 90 anos...

Son esas voces da memoria que ás veces quedaron a nivel individual na esfera privada e como a maioría son mulleres moi humildes, non se sentían realmente protagonistas. É importante ver, sobre todo para as xeracións futuras, que se saiba que a loita polas liberdades tivo moitos custes.

O feito de que o Concello vos outorgase o pasado ano o Galardón 8M tamén axudou a ensalzar o papel das mulleres do 72, non si?

Si, a verdade é que estivemos moi contentas porque, ao tempo que nos deron o premio, déuselle visibilidade. Eu xa comezara coas entrevistas, foi un proceso paralelo, pero con este galardón a xente interesouse máis.

Aínda que o viviu en primeira persoa, houbo cousas que descubriu durante o proceso de creación e que lle sorprenderan?

Si, moitas. Nun principio pensaba partir do 10 de marzo do 72 pero descubrín que había un grupo de mulleres que xa tiñan un percorrido relacionado coa loita en favor da democracia anterior. Eu sabía que foran a moitos lugares levando firmas de moita xente a falar con autoridades civís, militares, eclesiásticas... pero fun descubrindo máis cousas como que nesta loita polas liberdades todo era clandestino e que dúas mulleres das que eu coñecía tiveron toda a infraestrutura para elaborar a propaganda nas súas propias casas.

Tamén coñecín mulleres que estiveron represaliadas, porque ás veces e fala de dúas ou tres pero houbo máis e que sufriron outros procesos como multas por defender aos seus maridos e fillos cando viñan a detelas. Ademáis, no libro aparecen narrados rexistros nas casas pola policía, quedando despois a etiqueta a nivel vecindario. Eu recordo que un insulto daquela época era que eramos demócratas. E tamén se inventaban moitos bulos como que tiñamos millóns de pesetas no televisor que os pagaban co ouro de Moscú.

É esta unha forma de facer xustiza, aínda que tardía, a todas esas adversidades polas que tiveron que pasar estas mulleres?
Si, porque son mulleres que o pasaron moi mal e que sufriron pero que non queren tampouco protagonismo, pero eu quixen darllo. A verdade é que pensei que durante estes corenta e pico anos alguén o faría... Gustaríame agradecerlles que non só me abrisen as portas da súa casa, senón que me abriron o seu corazón e espero que elas tamén queden contentas co xeito que tiven de narrar, porque non se trataba de contar biografías, aínda que hai moitas que darían para un libro, senón de que os seus relatos me servisen para narrar de forma cronolóxica todos os acontecementos. Elas merecen que se escriba unha páxina na Historia, non só como acompañantes.

Cristina Almeida e Sari Alabau firman os prólogos da obra, que sentiu cando o soubo?
Estou moi contenta. Cristina Almeida tivo moita relación con Ferrol porque defendeu a varios líderes sindicais e estivo sempre acompañando a moitas mulleres e fixo un prólogo moi bonito que eu lle agradezo moito.
E Sari é unhas das voces da memoria, ten un protagonismo indiscutible. Foi quizás a persoa que estivo máis implicada así que estou encantada de que o fixera.

A sociedade actual, coas mulleres á cabeza, está volvendo a saír ás rúas para reclamar os seus dereitos e unha igualdade real ¿ueda aínda moito por facer?
No 75 houbo un pequeno cambio porque foi o Ano Internacional da Muller e dúas representantes do Movemento Democrático de Mulleres, Sari Alabau e Fina Varela, foron a unhas xuntanzas en Madrid e Barcelona e penso que a partir de aí se empezaron a reivindicar cuestións de xénero.
Ata ese momento, se consideraba que era máis importante lograr a liberdade e se pensaba que o día que se conseguira, a igualdade viría polo seu propio peso. Pero a realidade é que aínda temos que seguir saíndo ás rúas para que esa igualdade que aparece na lei sexa real. Igual que tantas mulleres apoiaron a loita polas liberdades, agora neste momento todas as persoas deberían estar apoiando que esta igualdade das mulleres fora unha realidade.

Comentarios