Análises Clínicas examinou máis de catro millóns de mostras en 2021

Análises Clínicas examinou máis de catro millóns de mostras en 2021
O laboratorio de Ánalises Clínicas conta con 44 profesionais e cinco áreas de traballo, ademais dun equipamento técnico con procesos automatizados | jorge meis

O laboratorio de Análises Clínicas realizou durante 2021 máis de catro millóns de determinacións. A mairoía foron exames rutinarios (3.553.000) e aproximadamente medio millón correspondéronse con peticións urxentes (aquelas que, independentemente da procedencia, precisan dunha resposta inmediata). Destas, foron 457.460 no que levamos de ano.


As cifras de vertixe deste departamento inclúen unha carteira de servizos que consta de máis de 300 probas distintas de bioquímica, gases en sangue, fármacos, hormonas, marcadores tumorais, alérxenos ou autoinmunidade, entre outras. Analizan sangue e ouriños pero tamén outros líquidos biolóxicos como feces, suor, líquido cefalorraquídeo e procedente de órganos e áreas corporais como o pulmón ou o abdome.


Evita desprazamentos

Análises Clínicas está emplazado no Arquitecto Marcide e realiza actividade no ámbito asistencial, docente e investigador. Procesa peticións dos hospitais, das consultas externas do centro de especialidades, dos centros de saúde, do COF (Centro de Orientación Familiar) e doutros espazos sociosanitarios. Esta descentralización achega esta prestación á poboación e evita desprazamentos. “Temos 34 centros de extracción periférica para que os pacientes non teñan que se desprazar salvo para as extraccións para probas especiais”, explican desde a Área Sanitaria. “O laboratorio abrangue a atención de toda a área e proporciona información apropiada para o uso clínico en canto ao cribado, diagnóstico, tratamento e seguimento das enfermidades”.


Na actualidade, 44 profesionais traballan neste servizo, incluíndo oito facultativos especializados, dous residentes, 26 técnicos de laboratorio, unha supervisora de enfermaría, cinco persoas de administración, un celador e a xefa de servizo.


O traballo distribúese en áreas de coñecemento e técnicas, abranguendo preanalítica; o laboratorio CORE (a cadea de automatización) con bioquímica, inmunoquímica, hormonas, marcadores tumorais e fármacos; laboratorio de urxencias (integrado na área CORE); de proteínas, autoinmunidade e alerxia; e o 

de líquidos biolóxicos.


O servizo marcou varios fitos dentro da sanidade galega. Foi o primeiro laboratorio de Análises Clínicas do Sergas en acadar a certificación de calidade ISO, xa en 2001. Recentemente, en 2020, foi pioneiro en integrar a cadea de automatización co laboratorio de Urxencias.


A finais de 2019, “renovamos totalmente a área CORE, onde se realizan case o 80% das determinacións, cunha nova cadea de automatización e equipos conectados de última tecnoloxía, o que nos permitiu implementar novas técnicas segundo as novas necesidades da área e mellorar os tempos de resposta, a trazabilidade dos procesos e a seguridade do paciente e do persoal do laboratorio”, indican. Esta nova tecnoloxía tamén facilitou a integración de áreas, o que supón unha mellor utilización dos recursos dispoñibles. “Isto permitiu igualmente unha mellor adaptación durante a pandemia da COVID para novas determinacións e perfís necesarios que contribúen ó diagnostico e seguimento destes pacientes”, engaden. Renovouse tamén totalmente no 2020 a sección de autoinmunidade.


Prevención e docencia

O laboratorio participa ademais en medicina preventiva: cribado SICCO (para cancro colo-rectal) do Sergas; e, con Xinecoloxía, no cribado prenatal do 1º e 2º trimestre de embarazo. “En colaboración con Farmacia, temos unha unidade de farmacocinética para a monitoraxe de niveis de fármacos”, explican.


Xunto co labor asistencial, desenvolve actividade investigadora colaborando con distintos ensaios clínicos e traballos de investigación que se desenvolven na área e un importante labor docente. “Estamos acreditados para a formación de ata dous residentes por ano da especialidade de Análises Clínicas”, apuntan. Na actualidade conta con eses dous residentes e, no eido formativo, colabora ademais coas universidades da Coruña e de Santiago impartindo prácticas a alumnos de farmacia, bioloxía, químicas e medicina. Tamén dan prácticas a alumnos de Formación Profecional de técnicos superiores de laboratorio do centro San Pedro de Leixa.


“É un Servizo cunha clara orientación cara aos usuarios: médicos peticionarios e pacientes, tentando sempre prestarlles o mellor servizo posible; por iso, dende decembro de 2001 temos a Certificación de Calidade segundo a Norma ISO 9001. Este ano renovamos a certificación”, indican. Esta acreditación obriga a auditorías externas e a un constante traballo para manter e elevar os estándares de calidade.

Análises Clínicas examinou máis de catro millóns de mostras en 2021

Te puede interesar