Ana Pontón viaxa en tren entre Ferrol e A Coruña para reclamar melloras neste transporte

Ana Pontón viaxa en tren entre Ferrol e A Coruña para reclamar melloras neste transporte
Ana Pontón, na estación ferrolá, no inicio do traxecto no que tamén a acompañou o voceiro local, Iván Rivas | cedida

A falta dun transporte público de calidade que permita prescindir do vehículo privado no eixo entre Ferrol e A Coruña é motivo nas últimas semanas dunha nova vaga de denuncias e protestas por parte de usuarios e de entidades sociais políticas e sociais. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acompañada polos voceiros municipais de Ferrol e da Coruña, Iván Rivas e Francisco Jorquera, e do deputado no Congreso Néstor Rego, realizou onte o traxecto en tren entre a cidade naval e a herculina para poñer de manifesto a súa inutilidade como transporte eficaz.


“Con esta viaxe quería poñerme na pel dunha persoa traballadora, dun estudante ou de calquera veciño e veciña que queira usar o tren para desprazarse entre ambas cidades, pero que se topa coa realidade de que é case misión imposible”, apuntou á súa chegada á Coruña. A falta de horarios, a duración do traxecto –que duplica o tempo que se tarda por estrada– e o prezo dos billetes son tres motivos polo que é imposible usar o tren para desprazarse na vida diaria. “Case podemos dicir que son heroes e heroínas as persoas que deciden coller o tren”.


A viaxe reivindicativa serviu ademais para reclamar melloras en toda Galicia e, a curto prazo, esixir a recuperación de todas as frecuencias previas á pandemia. A medio prazo, o BNG reclama un plan que permita “actualizar e modernizar todas as vías en servizo, con horarios, maquinaria e prezos competitivos”. Tamén reclaman a transferencia das competencias en materia de ferrocarril interior, como xa teñen Euskadi, Cataluña, Valencia ou Andalucía e como aprobou por unanimidade o Parlamento galego. Crearíase así o Galtren, un ente ferroviario propio.


Investimentos

O voceiro do BNG no Concello de Ferrol, Iván Rivas, denunciou o “absoluto abandono do Goberno central coa cidade de Ferrol”, en concreto co trazado dun tren que ten máis dun século e que é “unha vergoña”. “Precisamos que se de-senvolvan os investimentos que hai tempo sabemos cales son e materializar cuestións como duplicar a vía, a electrificación ou o bypass en Betanzos”.


Francisco Jorquera, voceiro na Coruña, lembrou que desde a inauguración do tramo Betanzos-Infesta-Ferrol, en 1913, “se partiu co deseño absurdo e centralista de comunicar Ferrol coa Meseta en lugar de comunicala coa Coruña”. Demandou inversións para “darlle un servizo de proximidade a unha área e a unha poboación de 600.000 habitantes”.


No traxecto reivindicativo participaron ademais responsables municipais e comarcais do BNG das áreas que comprenden estas dúas cidades.

Ana Pontón viaxa en tren entre Ferrol e A Coruña para reclamar melloras neste transporte

Te puede interesar