Ana Ortega e José Manuel Liñeira entran a investigar en dúas especialidades do Citeni

Os enxeñeiros, de Narón e de Ordes, traballarán no Siter e no LAIL durante catro e tres anos
Ana Ortega e José Manuel Liñeira entran a investigar en dúas especialidades do Citeni
Os dous investigadores no exterior do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industrial de Ferrol | CEDIDA

Os traballos que levarán a cabo a investigadora predoutoral naronesa Ana Ortega e o posdou-toral ordense José Manuel Liñeira no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais –Citeni–, ao que acaban de incorporarse, de­senvolveráse nunha das liñas estratéxicas do Campus. Estes súmanse aos 14 contratos en total que se asinaron nos tres últimos anos.


A entrada dos investigadores posibilitouse por dúas convocatorias promovidas polo propio Campus Industrial de Ferrol: “Talento en Formación” e “Talento Investigador”. A robótica industrial, os materiais, a optimización de procesos, a enxeñaría naval e “offshore”, a xestión industrial ou o desenvolvemento de produto son algunhas das liñas estratéxicas do Campus nas que se implicarán.


Ana Ortega graduouse pola Universidade da Coruña en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais, cursou o máster en Enxeñaría Industrial na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol –EPEF–e traballou no Centro Mixto de Investigación UDC-Navantia, situado no Edificio de Batallóns e en 2022, foi recoñecida cun dos primeiros galardóns do I Premio a Traballos de Fin de Grao e de Fin de Máster para a Transición Enerxética convocado pola Cátedra de Transición Enerxética Genesal Energy, da USC en colaboración con dita empresa.


Ao longo dos próximos catro anos, a investigadora de Narón  traballará no modelado, deseño e optimización de plantas de recuperación enerxética mediante a intelixencia computacional, como parte do programa de dou­toramento en Enxeñaría Naval e Industrial. Para levar a cabo as tarefas apoiarase no seu director de tese, Alberto Arce, que é profesor na EPEF e investigador do grupo de Sistemas Térmicos e Transferencia de Calor –Siter– do Citeni.


Por outro lado, José Manuel Liñeira é doutor en Enxeñaría Termodinámica de Fluídos pola USC, unha universidade onde antes graduouse en Química e cursou o máster en Enerxías Renovables, Cambio Climático e Desenvolvemento Sustentable. No seu currículo salientan os 37 artigos que ten publicados en revistas de prestixio e as 35 contribucións en conferencias, tanto nacionais como internacionais. Este investigador de Ordes conseguiu o premio extraordinario de doutoramento na USC, catro galardóns do programa Iacobus ao mellor artigo científico e dous máis en congresos de alcance mundial á mellor comunicación.


Recentemente realizou estadías postdoutorais na universidades de Porto e Oviedo, amais de ter sido persoal investigador na Politécnica de Valencia, e nos próximos tres anos traballará na formulación e caracterización tribolóxica de lubricantes para usar en distintas aplicacións industriais a prol da eficiencia enerxética e dun menor impacto ambiental, dende o Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser –LAIL–

Ana Ortega e José Manuel Liñeira entran a investigar en dúas especialidades do Citeni

Te puede interesar