“Capturando a natureza” é o título da exposición coa que Álvaro Lamas –Mugardos, 1986– avanza no seu proxecto Lost in Woodlands Photography sobre fotografía de natureza ou paisaxe. Até o día 31 poderá visitarse na sede do Ateneo Ferrolán unha mostra que se materializou en 2022 pero que foi ampliándose e mudando nestes meses para ser o que é hoxe: vinte imaxes tomadas en Galicia e tamén en Asturias e Cantabria coas que o seu autor, arquitecto de software, reflicte a beleza natural da contorna.
“Comezou con nove imaxes”, lembra, “pero é viva. Cando viaxo aproveito e escollo algunha das que fago e vouna incluíndo”. Por exemplo, a mostra do Ateneo recolle a primeira foto nocturna, impresa, coma o resto, nun formato que se chama aluminio Dibond. “É como un sandwich”, explica Lamas, “con dúas láminas de aluminio: a fotogafía imprímese directamente nel, dándolle unha calidade altísima. Ademais”, engade, “é lavable e non deixa as pegadas dos dedos. É máis cara, pero a diferenza paga a pena”.
Hai moitos anos que Lamas leva con el unha cámara nas súas rutas de sendeirismo e fai cinco anos trocou a compacta por unha réflex. “A partir de aí fun mellorando o equipo porque as necesidades iniciais son unhas e despois vas evolucionando e xorden necesidades novas”, apunta o embaixador da marca Irix Lens, un “cargo” que tamén lle permitiu mellorar o seu equipo. “Hai que recoñecer que é un hobby caro”, di.
Lamas resalta a “calidade” da paisaxe no noroeste peninsular. “Temos moita sorte, sitios espectaculares”, sostén, “e hai xente de fóra que vén facer fotos aquí”.
A fotografía do mugardés require dunha elaboración. “Sempre proceso as imaxes; é unha parte da fotografía que me gusta moito. Son arquitecto de software, así que andar con PC é algo que forma parte do traballo”. Con todo, hai unha condición previa imprescindible: “O principal é que a toma veña ben feita do campo. Eu planifico moito as fotografías, a composición que quero, o momento en que a quero tirar... “. Dese proceso goza absolutamente Álvaro Lamas, para quen a fotografía de paisaxe é “unha afección moi bonita porque me obriga a estar moito tempo na natureza, que é outra das miñas paixóns e que, ademais, me aporta relax, pois a foto de paisaxe é algo que hai que facer con calma”.