jueves 24/9/20

Alberte Mera | “Reboiras foi un galego concienciado que asasinaron por estar comprometido politicamente”

director  Hai tempo que bulía na cabeza de Alberte Mera a idea de crear un documental sobre Xosé Ramón Reboiras. Hoxe, 12 de agosto, catro décadas e media despois do seu asasinato na rúa da Terra, o filme estréase na cidade que o viu morrer. 
O xornalista Alberte Mera é o director do filme, que rodou tamén en Ferrol | paula cermeño
O xornalista Alberte Mera é o director do filme, que rodou tamén en Ferrol | paula cermeño

Os cines Dúplex proxectan este serán, ás cinco e ás cinco e media, o documental “Reboiras, acción e corazón”, un traballo dunha hora de duración na que o seu director, Alberte Mera, reconstrúe a vida do último asasinado polo franquismo en Galicia.
  
Por que un documental sobre Reboiras? 
Desde cativo estiven familiarizado coa vida de Reboiras, tamén pola miña militancia política. E sempre me estrañou ese baleiro que hai en Galiza coas persoas que nos precederon e que deron tanto polas liberdades. Temos filmes sobre outras persoas que sufriron o martirio por defender a xustiza social e a democracia, pero na Galiza hai unha débeda pendente, principalmente a nivel institucional, e unha falta de coñecemento da nosa historia, sobre todo a recente. O documental pretende recoñecer unha persoa valente. 

Que foi o máis complicado do proceso de produción?
No filme, de 61 minutos de duración, reconstruímos a vida de Reboiras a través de 29 entrevistas a testemuñas que o coñeceron en persoa ou que compartiron con el actividade política, máis dez minutos de secuencias de ficción e arquivo fotográfico facilitado polo seu irmán Manuel. Un dos problemas que nos atopamos foi como ambientar a época e por iso optamos pola ficción para recrear as últimas horas de Reboiras e a atmosfera do momento, un franquismo que moitos sosteñen que era de apertura, pero para nada: foi o franquismo máis duro e represor. Morre matando. 

Cal era a misión de Reboiras en Ferrol? 
Esa parte recreámola seguindo o que nos contaron as dúas persoas que estaban con el a madrugada do 12 de agosto, Elvira Souto e Lois Ríos. Os dous pasaran xa á clandestinidade. Elvira alugara un piso en Ferrol para poder facer actividade política. Estaban tirando panfletos coa multicopista para un conflito laboral que había nas Pontes e pola noite ían repartilos. Reboiras chegou para axudar. Saíu do piso porque non recibira a chamada de seguridade, volveu, pero seguía sen recibila, polo que decidiu desfacerse de material que puidera comprometer compañeiros da UPG. Hai quen di que eran máis de 300 policías esa noite en Ferrol: rodearon o piso, e Lois, Elvira e Moncho miran como poder fuxir. Elvira gabea para meterse no piso dunha veciña e Moncho sobe por unha canaleta ata os tellados para distraer a atención policial. Esa noite sucédense os disparos e hai aí unha parte emocionante, que é cando Lois e Elvira contan que cada vez que escoitan unha ráfaga teñen unha sensación contraditoria: a tensión de escoitar os disparos e a esperanza de que segue vivo.

Non é o súa primeira peza audiovisual... 
Teño outras tres pezas audivisuais e algunha curta de ficción, pero esta é a primera longa. Levaba co guión desde 2012 e é unha idea que xa tiña na cabeza desde antes. Reboiras e Bóveda son dous símbolos, pero non porque foran máis ou menos que ningunha das outras persoas represaliadas ou asasinadas polo franquismo, senón porque son símbolos do nacionalismo, porque son un dos primeiros e o último que asasina o franquismo en Galiza. Creo que este filme pode axudar a difundir a súa figura. 

O proxecto contou ademais co apoio do micromecenado. Satisfeito polo resultado?  
Foi unha sorpresa porque necesitabamos 20.000 euros. En dous meses conseguimos máis de 400 persoas cofinanciadoras, o cal é un orgullo, pero tamén unha responsabilidade, que tanta xente teña os ollos postos no proxecto. Emociona que se involucren para facelo posible. Contamos ademais cunha subvención en concorrencia competitiva da Deputación da Coruña, necesaria para sacar isto adiante. 

Cambiou o documental a súa visión sobre Reboiras?
Os heroes sono pola súa humanidade e polos seus actos simples. Iso quería transmitir, non quería construír un mito nin un símbolo deshumanizado, senón todo o contrario: transmitir a humanidade de Reboiras, unha persoa normal que se implica politicamente porque ve a as inxustizas que ten ao seu redor: unha ditadura, a marxinación de Galiza, a represión lingüística, un país sen liberdades... Tiña grandes cualidades de organización e para ser artífice de todo un movemento social nacionalista que dá pé ao Sindicato Obreiro Galego, que agora é a CIG, fai evolucionar e ampliar a base da UPG, crea a fronte cultural... O obxectivo era que non quedase ningún sector social sen ter unha alternativa que os defendese e na que se puidesen organizar. Falamos dun galego concienciado que asasinaron por estar implicado politicamente. O noso propósito era ese: non crear un mito nin un heroe, pois a heroicidade está no día a día, no que el e tantos outros fixeron. Por iso non é unha película exclusivamente sobre Reboiras, senón de toda unha xeración de nacionalistas que se implicaron e deron o mellor da súa xuventude por conseguir unha Galiza libre.

Comentarios