O Centro de Linguas da Universidade da Coruña abrirá o día 2 de setembro o prazo de matrícula para os cursos que se ofertarán na denominada quenda de outono. Os interesados poderán formalizar as inscricións ata o 19 de setembro e o inicio das clases está previsto para o mes de outubro.
Como todos os anos, impartiranse clases de alemán, francés, inglés, italiano e portugués, en diferentes horarios e tamén niveis, desde inciación ata de conversa, en función do idioma do que se trate.
A oferta do Centro de Linguas está dirixida tanto a membros da comunidade universitaria como ao público en xeral. O único que varía son os precios. Así, para o primeiro dos colectivos, os cursos regulares (de 30 horas) terán un custe de 125 euros, por 84 dos de conversa (de 15 horas). Aqueles que non pertenzan á Universidade da Coruña terán que pagar un total de 166 e 125 euros, respectivamente.
Tal e como se salienta desde o propio Centro de Linguas, os prezos, que non se suben desde 2007, “están por debaixo da media do que cobran as universidades de España por un servizo similar”.
oferta
O Centro de Linguas da Universidade da Coruña, que no campus de Ferrol ten a súa sede no Edificio de Apoio ao Estudo de Esteiro, naceu en 2005 coa intención de proporcionar á comunidade universitaria mais tamén ao público en xeral, unha oportunidade para mellorar os seus coñecementos de linguas estranxeiras e para aprender outras novas. Ao longo de cada curso, convócanse catro quendas de actividades con unha boa resposta por parte da cidadanía en xeral.