NARÓN | Olaia Ledo (BNG) | “Vimos de catro anos dun goberno que deixou todo a medias ou sen facer”

NARÓN | Olaia Ledo (BNG) | “Vimos de catro anos dun goberno que deixou todo a medias ou sen facer”
A candidata do BNG á Acaldía de Narón, Olaia Ledo I Daniel Alexandre

Olaia Ledo naceu en Xuvia no 1981. Concorre por segunda vez como candidata do Bloque Nacionalista Galego á Alcaldía de Narón. Iniciou a súa andaina política en Galiza Nova con tan só 17 anos e pasou ás filas do BNG no 1999.  

 

Con que espectativas parte a súa formación para este 28 de maio? 
Imos cunhas perspectivas moi boas, entre outras cousas porque sabemos que o BNG é unha forza á alza. Sabemos que imos subir, que imos ser esa forza que faga un traballo revolucionario a partir do 28 de maio coa súa acción de goberno. Esperamos con todas as ilusións se cumpra o que a xente nos está dicindo, que sexa unha realidade. Conscientes tameń de que a última decisión téñena os veciños e veciñas, pero para iso estamos traballando.

Levan na súa candidatura a persoas de todos os barrios e parroquias. Cal é o obxectivo? 
Fixémolo para representar a Narón no seu conxunto, porque ao final é o que facemos. Esta candidatura representa ao Narón que sae todos os días a traballar ou a buscar traballo. E ten a formación, a capacidade e o compromiso de transformar Narón a partir do 28 de maio. Queremos que a xente teña claro que as persoas que ven nesta candidatura teñen as mesmas preocupacións que teñen eles.

 

Temos un programa para todo Narón, porque queremos integrar rural e urbano e traballar para o municipio no seu conxunto. Desexamos que todos e todas sexamos iguais

 

Comenzou a campaña electoral no rural a modo de reivindicación, cal foi o motivo? 
Somos un concello moi dividido. Hai barrios que están ao carón, e, sen embargo, hai barreiras que non se ven pero que separan. Aí están por exemplo A Solaina, A Gándara ou o Alto, que deberían estar cohesionados, pero a estrada de Castela precisa doutras solucións. Necesitamos conectar iso. E co rural pasa o mesmo. A verdade, dáme moita pena cando hai xente de Doso ou Pedroso que nos di que “se viviramos en San Sadurniño estariamos moito mellor”. E non debería ser así pero penso, e digo: “é que teñen a razón”. Porque aquí no rural non se atenden os servizos, cada vez son peores, fallan cousas básicas como en moitos sitios como o transporte público. Falta o saneamento, descentralizar servizos do Concello para que as parroquias estean atendidas e que teñamos todos os mesmos dereitos. Por iso sempre dicimos que nós temos un programa para todo Narón, porque queremos integrar o rural e o urbano e traballar para o municipio no seu conxunto, que todos sexamos iguais.

 

Se chegan á Alcaldía, que sería o primeiro que mudarían? 
O primeiro que fariamos sería implantar o noso proxecto. Faría, por exemplo, o museo no muíño de Xuvia, que aínda non está; conveniariamos con taxis para que houbera transporte no rural e traballariamos no espazo público. Todo se ten que traballar sempre a medio prazo. Tamén pensamos no trato, o que é a participación cidadá. Falar cos veciños e veciñas, mirarlles aos ollos e saber as súas preocupacións. Vimos de catro anos dun goberno que deixou todo a medias ou practicamente sen facer e veñen e coas mesmas promesas electorais de hai catro anos. Nós non vimos poñer unha farola mellor que o outro. Esa non é a nosa competición. Iso faino calquera. Pintar un paso de peóns un día e poñer unha luz faino calquera. Nós queremos transformar a realidade e sabemos que o imos facer. Porque aí onde goberna o BNG, quen gaña é a xente e a nós preocúpanos a xente.

 

Pintar un paso de peóns un día e poñer unha luz, faino calquera. Nós queremos transformar a realidade, porque aí onde goberna o BNG gañan as persoas

 

No caso de que non chegase á Alcaldía, ficaría na oposición coma neste mandato ou está aberta a pactar e entrar no goberno? 
Nós sabemos que quen ten a decisión do que vai pasar é a veciñanza. Viñemos hai catro anos cun programa moi potente e sabemos que agora o imos facer realidade. Unha cousa que ten o Bloque Nacionalista Galego é o diálogo. Estamos dispostos a dialogar con todo o mundo, porque para iso está a política. Xa conseguimos algunha cousa pequena estes catro anos a base de esforzarnos e traballar moito. Ademais temos grandes exemplos de gobernos como o de Pontevedra, que leva dende o 99 transformando unha cidade que agora é premiada mundialmente e onde o BNG case sempre gobernou en minoría, agora co PSOE, pero nunca tivo unha maioría absoluta.

 

Dígame un erro e tamén un acerto deste goberno. 
Pois un erro é que non foron quen de licitar as cousas que prometeron e desatenderon tamén os servizos sociais. E un acerto, por exemplo, entrar nas “Cidades que Camiñan”, grazas a unha moción do BNG e que leva a que, por exemplo, teñamos agora un “metrominuto”.

 

Faga unha proposta para cada unha das seguintes áreas... 
Urbanismo: Coller a titularidade da estrada de Castela da Xunta e empezar a cambiar Narón dende aí. É unha liña que nos une a todos e ten que estar máis humanizada para tódalas persoas, que sexa accesible, porque hai atrancos por todas partes.
Economía: Xestionar con eficacia. Hoxe temos 12 millóns de euros de remanentes porque non souberon facer o seu traballo. Investir para o beneficio de todas.
Benestar social: Que o Servizo de Axuda no Fogar sexa de xestión directa e que mellore para as persoas usuarias e para as traballadoras. E, sobre todo, pular coa Xunta de Galicia para ter esa residencia de maiores pública tamén.

 

Persoal

Dígame unha personaxe viva ou morta coa que quedaría para tomar café e falar longo e tendido.
Coa miña nai, supoño, que agora non podo.

 

Cal é a receita de cociña que se lle resiste e a que fai á perfeción?
O guiso de xoubas, que é unha receita que facían na miña casa, que estaba moi boa, e que agora non a fago porque penso que non me vai saír igual que como a facía miña nai. E unha que borde, é que me gusta moito cociñar... veña, tortilla de patacas.

 

Recomende unha película ou serie.
Unha película, “Suffragette” e unha serie “Big Little Lies”.

 

 

NARÓN | Olaia Ledo (BNG) | “Vimos de catro anos dun goberno que deixou todo a medias ou sen facer”

Te puede interesar