Valeria Filgueira: “O fútbol nos USA é moito máis físico”

Valeria Filgueira: “O fútbol nos USA é moito máis físico”
Valeria Filgueira, onte na praza do Irferniño | emilio cortizas

Valeria Filgueira Martínez –Ferrol, 2004– forma parte desa xeración de mozas e mozos que asume con total normalidade desenvolver ou completar a súa formación académica ou deportiva lonxe –moi lonxe– da súa casa. O pasado mes de agosto, e logo de prepararse a conciencia durante todo o curso anterior para superar as probas, conseguiu a través da axencia AGM unha bolsa para estudar e xogar ao fútbol na Chowan University de Carolina do Norte, cumprindo así unha meta coa que soñara desde pequena. “Sempre me chamou a atención a xente que marchaba estudar fóra un curso ou unha carreira”, afirma, “aínda que nunca pensara en dar eu ese paso”. 
 

O feito de coñecer “outras nenas da zona que saíran”, entre elas unha amiga súa, que fixo as maletas no verán de 2021, espertoulle de novo ese interese e foi daquela, antes de principiar 2º de Bacharelato, cando comezou a buscar información sobre o proceso. A mediación da axencia AGM, con sede en Zaragoza, deulle o pulo definitivo coa busca das diferentes opcións e a titorización –que aínda segue– de todo o procedemento, que inclúe exames en Bilbao. 
 

“Coas notas que saquei puiden escoller a universidade que me gustaba”, engade, “pola carreira que quería estudar –a equivalente a Fisioterapia–, polo fútbol e, tamén, pola súa situación xeográfica, é dicir, que estivese preto do mar”.

 

Adaptación

A adaptación de Valeria ao seu lugar de acollida foi óptima, como ela mesma explica, aínda que, como é lóxico, sempre hai cousas sorprendentes. “No deportivo, xa tiña unha certa idea polo que me foi contando a miña amiga: alí, o fútbol é moi diferente ao que estamos afeitos a ver aquí, porque é moito máis directo e máis físico. Aquí as xogadoras que destacan fano pola calidade que teñen co balón nos pés. O de alí parécese máis ao fútbol que se practica na Premier”. Tamén é diferente “o nivel de esixencia” no eido académico, relata a ferrolá, pois “non se basea no ciclo estudo-exame, senón nun sistema moito máis práctico, con máis peso dos traballos, en grupo ou individuais. Hai exames, si, pero é distinto que aquí, pois alí o que van facer é axudarche a subir a nota”.  
 

A vida social é tamén diferente e, como explica, foi onde máis lle sorprendeu o seu novo destino. “Foi para ben: é unha xente moi acolledora, moi próxima. O campus é aberto ao público e a xente de alí é realmente agradable”, apunta.
 

Con todo, sempre hai unha carga de morriña. A familia é, por descontado, unha parte –a máis importante– pero non só: “O que máis estrañas é a familia e os amigos, por suposto, pero hoxe podes falar todos os días con eles, de modo que tamén os sentes preto de ti, así que o que máis boto de menos é a comida de casa. Non a cambio pola de alí nin tola!”.
 

Valeria regresa a comezos de xaneiro aos USA. A Chowan University xa rematou a liga, que se estende desde agosto a novembro, con dous e mesmo tres partidos por semana. “Alí é distinto: non hai ida e volta”, di, “e os oito primeiros equipos xogan trala liga regular as roldas finais ata chegar ao partido no que decide o gañador do Estado e, por último, do nacional. Nós clasificámonos entre os oito primeiros e logo perdimos a eliminatoria por 1-0 no campo do Belmont Abbey, o equipo que finalmente foi o gañador”.

Valeria Filgueira: “O fútbol nos USA é moito máis físico”

Te puede interesar