Novidades entre os obradoiros da Área de Cultura do campus local

Novidades entre os obradoiros da Área de Cultura do campus local
A danza volverá a estar presente na oferta cultural do campus ferrolán

A Área de Cultura do Campus de Ferrol continuará un curso máis ofrecendo á comunidade universitaria mais tamén ao público en xeral variadas opcións para investir parte do tempo libre e de lecer en propostas que teñen que ver coa creación desde diferentes vertentes.
Este ano chega con algunha que outra novidade, con actividades que pretenden captar o interés da cidadanía e para as que ata este venres estará aberto o prazo de matrícula, que terá que facerse en liña. O prezo será de 35 euros para estudantes da Universidade da Coruña; 55 para docentes e persoal investigador; 40 para persoas desempregadas ou cunha discapacidade igual ou superior ao 33%, e 65 para o público en xeral.
Son catro os obradoiros previstos para este primeiro cuadrimestre.
O de Iniciación á danza contemporánea desenvolverase os luns e mércores de 20.30 a 22.00 horas. O obxectivo pasa por dar a coñecer esta rama artística desde a vivencia do propio movemento e da conciencia corporal das das persoas participantes. Será impartido pola bailarina Cristina Montero e terá unha duración de trinta horas. No decurso do mesmo descubriranse “as diferentes técnicas da danza contemporánea e coñeceranse outras formas de composición coreográfica a partir de improvisacións e xogos escénicos”, informan. Non é necesaria experiencia previa e o curso diríxese a todas aquelas persoas que sintan curiosidade por esta linguaxe corporal.
Continuará tamén na oferta o curso de Creación Literaria, previsto para os venres entre as 17.00 e 19.30 horas e que estará dirixido por Alfredo Ferreiro. Tal e como se recolle no programa, no mesmo “adquirirase un coñecemento teórico e práctico suficiente para iniciarse nas técnicas da escrita literaria (teoría literaria, estilística, teorías das paixóns, etc) ou comezar un proxecto literario propio”. Tamén se fará referencia aos recursos editoriais actuais (papel e dixital), así como ás posibilidades de promoción das obras (con comentario de casos de éxito representativos).
“Os participantes poderán escribir as súas memorias, as anécdotas da familia, os contos que oíron sempre, un libro de poemas, un diario de ficción, un ensaio sobre a súa experiencia profesional...; ou simplemente practicar técnicas”, apúntase.
Realización
A primeira das novidades do presente curso chega da man do Obradoiro de campo de produción e realización de formatos low cost para a TV, que leva por título “Canto dano fixo Callejeros”. Será os xoves de 19.30 a 22.00 horas.
Os realizadores ferroláns Cristina Esteiro e Carlos A. Quirós, da produtora Cuerda Floja, impartirán unha actividade que permitirá introducir ao alumnado aos novos formatos de baixo custo que cada vez irrumpen con máis forza na televisión xeneralista actual. 
“Chámanse así pola simplicidade da execución, o que axuda a reducir os gastos da produción. O feito de teren un orzamento baixo, con todo, non implica necesariamente que sexan produtos de baixa calidade”, apuntan os promotores. “Co entretemento como base principal, este tipo de formatos busca sacar o máximo partido a unha idea potente, que enganche á audiencia e que se poida levar a cabo sen investir moitos cartos”, engaden.
O docurreality, a narrativa audiovisual, os medios técnicos necesarios e orzamentos, o guión, a rodaxe e a edición e montaxe serán as custións sobre as que se traballará nesta actividade.
O cuarto dos obradoiros programados para este primeiro cuadrimestre é o de Creación visual e dinámicas da paisaxe, do que se fará cargo Alberte Cartón. “O obxectivo deste curso é que as persoas participantes se aproximen aos conceptos e ás ligazóns artísticas da paisaxe e o territorio, así como ás inferencias estéticas que deles se derivan, en que a creación visual é participante e vinculante”, avanzan.
Revisaranse ademais as últimas tendencias contrastadas na arte multidisciplinar e estableceranse liñas de estudo relacionadas coa creación visual en Galicia e España durante os últimos trinta anos. A actividade terá lugar os luns de 17.00 a 20.00 horas. l

Novidades entre os obradoiros da Área de Cultura do campus local

Te puede interesar