Uxío García: “Foi unha experiencia moi bonita; volvinme sentir xogador”

Uxío García: “Foi unha experiencia moi bonita; volvinme sentir xogador”
Uxío García valorou o paso do Intasa pola Superliga como un ano de aprendizaxe | irene martín

Uxío García Lamas (Igrexafeita, 1988) leva moito tempo nisto, e nótase. Tamén se nota a veteranía –na fala e na pista– que lle dan os 30 anos que o “eterno” capitán do Intasa de San Sadurniño cumpriu no verán pasado, un aniversario previo ao debut do seu equipo na Superliga, con máis de 20 deles vestindo a camiseta azul do Aldebarán. E todo porque á súa nai, Ana, non lle gustaba o fútbol. Todo un acerto.


Fai pouco máis dun mes que a formación local dixo ata logo á elite nacional entre aplausos dos seus, e nese tempo, tanto García coma os seus compañeiros disfrutaron dun máis que merecido descanso, máis mental que físico. Porén, o oposto local, como membro da directiva, tivo que atender a outras cuestións fóra da pista relativas ao equipo, de cara a liquidar unha tempada de ensoño, non só para o Aldebarán, se non tamén para todo o pobo de San Sadurniño.

Cónteme, a nivel persoal, como viviu esta tempada en Superliga?
A experiencia foi moi bonita, volvinme a sentir xogador. Despois do ano pasado, que non tiven a oportunidade de demostrarlle ao entrenador o que podía rendir, este ano contou algo mais comigo, por circunstancias da plantilla, que era corta. E creo que Charly –Suárez– estivo contento co meu rendemento, e eu tamén me sentín contento co rendemento que tiven. Houbo partidos que realmente fixen un partido bo e outros que non os fixen tan bos, pero é o normal.

Pódese dicir que viviu unha segunda xuventude e que a idea da retirada quedou, de momento, nun caixón?
Si, a verdade que foi todavía mais bonito aínda porque foi na máxima categoría, e se a miña mente ao final da tempada pasada estaba na retirada, pois agora véxome con ánimo de xogar outra tempada máis e dar outro pouco de voleibol. Tamén por como está o equipo económicamente, pois a miña presencia pódelles axudar, non son un xogador que lles cobre e tamén podo facer ese esforzo.
A retirada vouna aprazar un ano si, porque me sentín realmente cómodo en moitos momentos da tempada e creo que poido, e máis en Superliga 2, rendir a bo nivel. E o club tamén o merece, que quede outro ano mais, sempre e cando o adestrador queira contar conmigo, eu estou a súa disposición.

Pero, realmente pensa que o entrenador lle vai dicir que non conta con vostede?
(Entre risos) Non sei, non creo. Son un xogador que, polas miñas circunstancias, teño moitas tempadas ás costas, son un veterano, e creo que tódolos adestradores queren contar con alguén así na plantilla, que en momentos dados non se poña nervioso. Creo que a xente respétame tamén como capitán... levo moitos anos. E eu tamén espero que Marcos Blanco dé o paso e colla o meu relevo. Por motivos académicos, no exercicio anterior, non puido adestrar e ter unha constancia como a que a el lle gustaría, pero si espero que na tempada que ven sexa unha persoa importante e colla as rendas dos máis vellos.

E agora, dígame, a grandes rasgos, que foi o mellor e o peor da tempada? Que supoño que, polas circunstancias do equipo –plantilla, recursos económicos, etc.–, tívose que facer longa...
O mellor é vivir unha experiencia e poder traerlle a San Sadurniño o mellor voleibol nacional, aínda que só fora un ano e fora, quizá, un pouco de “chasco” polo descenso. Porque eu sempre saio a gañar, e sempre tiña a esperanza de alcanzar a permanencia. E, aínda que a cousa confirmouse moito antes do esperado... tamén contento porque en San Sadurniño competimos contra tódolos equipos, non houbo ningún que viñera aquí e fora moi moi superior a nós. Eu creo que loitamos contra Teruel, contra Almería...
A min a tempada fíxoseme eterna, persoalmente. Adestrar tódolos días é moi moi sacrificado, e aínda encima se adestras e gañas, como nos pasaba en Superliga 2, tes unha recompensa ao final de semana. Pero se adestras e vas, loitas e fas un bo partido pero perdes, eso mínache a moral e danche ganas de que se acabe xa e non sufrir máis.

A verdade é que cada fin de semana, por moito que “remaran”, non chegaban á beira...
Sí, é certo, só chegamos nos dous primeiros partidos da liga, que sorprendemos. Os equipos non contaban que puideramos ter tan bos resultados e collémolos un pouco por sorpresa. E logo xa empezaron a dicir, escoita que a San Sadurniño se non lle xogas ben é un equipo que che vai gañar. Tomaron exemplo o resto de equipos e xa non foi posible.

Tamén tiveron mala sorte en partidos clave como ante o Barcelona, que marcaron a tempada, non cree?
Si, a Barcelona ibáselle gañando cómodo e lesionase Parga. Era un partido que o gañabamos e nos metiamos novamente de pleno na loita pola salvación, a semana seguinte iríase a Vecindario. E incluso se falou de que gañándolle ao Barcelona se ia facer un esforzo para traer unha fichaxe... cambiábache toda a liga. E lesionase Parga, e non se pode gañar. Sae Marcos Blanco, que fai un bo partido, fai o mellor que pode, non é a sua posición, tocoulle unha papeleta un pouco complicada. Non demos gañado e iso foi o que marcou moito a tempada.

Pódese definir nunhas frases o que foi o paso do Intasa por Superliga?
Aprendizaxe, foi un ano de aprendizaxe. Agora sabemos como é esa liga, sabemos como son os equipos, as infraestructuras que se necesitan para estar aí, como hai que viaxar... Creo que é moi util de cara a un futuro que, si se pode volver a chegar a esa oportunidade, xa sabes cómo terías que afrontala.

E é que en San Sadurniño, xa están poñendo novas pedras aos alicerces para, “sen apuros”, como indica García, “facer unha estrutura necesaria para poder ascender, nos anos que se necesiten, ben feita e ben prantexada”. E é que o sono continúa todavía no Municipal.

Uxío García: “Foi unha experiencia moi bonita; volvinme sentir xogador”

Te puede interesar