As viaxes polo Eume a bordo do “Anduriño” seguen ata setembro

As viaxes polo Eume a bordo do “Anduriño” seguen ata setembro

O Concello de Cabanas ven de informar de que as viaxes polo río Eume a bordo da gamela restaurada “Anduriño” posta en marcha no mes de xullo continuarán ata mediados de setembro. “Un xeito diferente e único de coñecer e disfrutar das Fragas do Eume”, como apuntan desde a entidade municipal.
O “Anduriño” é unha embarcación tradicional galega concebida para a pesca artesanal. Ten unha capacidade de ata oito pasaxeiros, mide 7,30 metros de eslora e 2,87 de manga e conta tamén cun motor para a súa propulsión na auga. Foi construída no Centro de Formación A Aixola de Marín, e cedida ó Concello de Cabanas pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería do Mar.
O Concello de Cabanas leva anos organizando viaxes nela, unhas rutas nas que os viaxeiros poden gozar, desde unha perspectiva diferente río arriba, dun dos parques naturais máis senlleiros de toda Europa, como é o das Fragas do Eume.
Partindo do estuario do río Eume, dende o coñecido como embarcadoiro do “Día Oito”, onde a mistura de augas salgadas e doces son berce dunha vida mariña única, alcanza o centro de recepción de visitantes do devandito Parque, no lugar de Ombre.
Para poder facer esta travesía polo río Eume enriba da gamela “Anduriño” hai que reservar praza na Oficina de Turismo de Cabanas, situada no parque do Areal, ou ben chamando por teléfono ao 981 43 45 66 ou vía email no enderezo oficinadeturismocabanas@gmail.com. A diario realízanse un mínimo de tres viaxes nuns horarios que dependen das mareas. O prezo da saída é de 6 euros e de 3 para os menores de idade, cun desconto do 50% para os veciños do Concello. l

As viaxes polo Eume a bordo do “Anduriño” seguen ata setembro

Te puede interesar