Vésperas da división irmandiña (LXIII)

Vésperas da división irmandiña (LXIII)

A aparición nas páxinas d’A Nosa Terra do artigo “Duas crases de galeguistas” non debeu ser moi ben visto por polos sectores que Villar Ponte denominaba nel galeguistas de temperamento político, aqueles que, na súa opinión, querían camiñar moi de présa. E non debeu gustar non só por deixar constancia clara de que había que recear e desconfiar deles -por máis que matizase que non aconsellaba que se rechazase ninguén- senón, tamén, polo feito de que o xornalista e farmacéutico vivariense era o director e non un colaborador calquera do boletín irmandiño.
Desde logo o artigo non debeu deixar indiferente ninguén. Os debates que se deberon suscitar son os que, sen dúbida, xustificaron a aparición destas “Indicaciós”, aparecidas no número de 15 de outubro, asinadas pola “Direición”:
“A NOSA TERRA ê órgao do Nazionalismo Galego. De canto se publique n’estas follas, somentes ten xeito oficial o que apareza sin firma; os traballos firmados son -coma xa dixemos moitas veces- opinións particulares dos que os fan.
E A NOSA TERRA admite todos aqués artigos que, non estando mal escritos, conteñan algunha ideia sempre que non vaian en contra do noso idearium, inda que mostren arredamento dos acordos das Asambreias anuaes do Partido.
Séipanno tódol-os leitores”.
Non obstante, ben antes da aparición desta nota, concretamente o 19 de xullo, Ramón Villar Ponte incorporárase como director ao diario El Correo Gallego, para substituír no posto ao tamén xornalista nacionalista Roberto Blanco Torres. Así o recollía o xornal ferrolán dese día, no solto “Nuestro Director”:
“Desde hoy es Director de EL CORREO GALLEGO el culto escritor D. Ramón Villar Ponte.
El Sr. Villar Ponte, en plena juventud, viene a esta casa con todo el entusiasmo y dispuesto a poner al servicio de los lectores su ya comprobada pericia profesional.
No queremos echar mano de los adjetivos y los ditirambos. La futura labor de D. Ramón Villar Ponte en EL CORREO GALLEGO, que seguramente ha de superar nuestras esperanzas, nos exime de decir lo que muy en breve, todos tendremos ocasión de comprobar.
Sea bien venido el Sr. Villar Ponte a esta casa, en donde desde hoy tiene unos fraternales amigos, y a este pueblo, en el que seguramente contará bien pronto con numerosas simpatías”.
Curiosamente, porque resulta moi chamativo, o boletín irmandiño, que seguía dirixíndo seu irmán Antón –quen, ademais, de camiño, comezara colaborar no diario ferrolán–, non sacou nota ningunha alusiva a este feito. Si, pola contra, no número de 1 de agosto d’A Nosa Terra, aparecía este solto “A ‘Irmandade’ de Ferrol”:
“Estánse facendo os taballos preliminares naquela cibdade para reorganizar novamente a ‘Irmandade da Fala’.
No Ferrol hai moi bós irmáns na causa, e estos tencionan estreitárense outra vez drento da organización enxebre.
Cecáis cando sexan pubricadas estas liñas xa a ‘Irmandade da Fala’ do Ferrol acharáse recostituida.
Adiante e ¡terra a nosa!”.
Efectivamente, se exceptuamos a presenza, en “representación”? de Ferrol, de Xaime Quintanilla e Blanco Torres nas asembleas nacionalistas Ferrol era un ermo nesta cuestión. Aínda que non se diga na nota do voceiro nesta volta á actividade tiña, naturalmente, que ver a chegada á cidade de Ramón Villar Ponte. Un par de meses despois, nas “Notas enxebres” do seu número de 15 de novembro, A Nosa Terra informaba de que:
“A ‘Irmandade da Fala’ do Ferrol ten acordado algar un local para domicilio da Sociedade.
Nas xuntas semanaes que celebra atende únicamente a tratar das cousas da causa, sin perdel-o tempo en minucias que non señan de verdadeiro interés patriótico”.
Este segundo parágrafo semella levar dinamita. Todo apunta a que os afiliados de Ferrol –dos que non se dá nome ningún– son do sector de “temperamento apostólico”, daqueles que querían camiñar paseniñamente. Dos da liña do aínda director da publicación nacionalista, en definitiva. Os outros perdían o tempo.
Mais iso non era óbice para que algúns deses apostólicos como o propio Ramón Villar Ponte, mesmo nas páxinas d’A Nosa Terra, publicasen artigos declarándose arredistas ou defendendo o arredismo. 
Tal así, o director de El Correo Gallego publicaba “Divagaciós illadas / Hay que sere arredistas”, no número de 1 de agosto, e pouco antes, no número de 31 de maio, sacara á luz “Sinxela e francamente / Eu son arredista” ou Ignacio Rodríguez Varela, membro da Mocidade Céltiga de Madrid”, incluía “A patria miña só ten unha bandeira” nas páxinas do número de 1 de setembro.
Nestes últimos meses da dirección de Antón Villar Ponte, A Nosa Terra dedicou atención especial á publicación de artigos e informacións de todo tipo relacionadas coa cultura portuguesa, sen esquecer a atención e as relacións con irlandeses e cataláns.
Velaí está a ampla información dedicada á visita a Galicia do Orfeón do Porto, acompañado de relevantes personalidades como Leonardo Coímbra, aparecida no número de 15 de setembro e que comeza con estas palabras:
“A data do 4 de Setembro do 1921 é para nós unha data histórica, unha data inesquecente. Pol-a vez primeira unha representación dos mais altos valores da intelectualidade portuguesa, sumándose a elementos artísticos de valía, pasou o Miño c-o obxeto de coñecer e estreitar lazos d’afecto co’a intelectualidade da nova Galiza, da Galiza das irmandades, que é a verdadeira e única Galiza”.
Non casualmente, noutro lugar dese mesmo número, figura a coñecida viñeta “Á veira do Miño” de Castelao, onde, achegados á unha varanda onde  se ve o río, un rapaz lle pregunta a un vello: “¿E logo os da veira d’aló son mais extranxeiros que os de Madrí? (Non se soupo o que lle respondeu o vello)”.
Como a situación debeu irse facendo cada vez máis insostible, o número de 15 de xaneiro de 1922 abríase cun deseño de Castelao, debaixo dos números do ano que se iniciaba, que leva o seguinte pé: “¡Será este ano o ano noso?” e, curiosamente, no terzo final desa primeira plana a noticia “Antón Villar Ponte”, asinada por “O Conselleiro primeiro da ‘Irmandade da Fala’ na Cruña Francisco M. Balboa”. Así di:
“Despois de unha labor de varios anos en que puxo toda a ideoloxía da nosa Santa causa neste boletín, Antón Villar Ponte presentóu a sua dimisión de directro de ‘A NOSA TERRA’. Dende hoxe un Consello de Redacción composto de prestixiosos literatos e entusiastas irmáns,redactará este boletín que recibirá a inspiración d’esta e demais Irmandades de qie é orgo.
Fólganos dicir que o gran periodista, noso irmán Villar Ponte, sigue sendo un dos mais fortes paladíns do Nacionalismo gallego, no que pon toda a sua alma e seu amor a esta Terra gallega pol-a que ven traballando con unha fe incansable que debe servir de exempro a todol-os nazonalistas.
Cómprelme facerlle a xusticia de estampar estas verbas que espresan o noso sentir”.
Xa na páxina seguinte, un soltoinformativo  indicaba a novidade:
“Dende hoxe a dirección d’este boletín está a cargo do Conselleiro primeiro da ‘Irmandade da Fala’ na Cruña, e que preside o Consello de Redacción, a quen se dirixirá a correspondencia e colaboración”.
Ficaba aberta a caixa de Pandora. 

Vésperas da división irmandiña (LXIII)

Te puede interesar