A venta de abonos para a piscina de San Sadurniño medra pese ao tempo revolto

A venta de abonos para a piscina de San Sadurniño medra pese ao tempo revolto
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-2dffbaa1

A piscina municipal de San Sadurniño segue incrementando o número de usuarios. O Concello local recolleu solicitudes abondas para poñer en marcha catro grupos de natación infantil: dous de perfeccionamento e dous de iniciación que usan a piscina en quendas entre as 11.00 e as 13.30 horas os luns, mércores e venres. Como apuntan desde o goberno local, trátase de sesións onde a cativería aprende ao tempo que xoga na auga seguindo os consellos da monitora.

Aos cursos asisten un total de 42 rapaces, prácticamente a mesma cifra que o ano pasado. As que si se están movendo máis do habitual son as entradas para os baños libres da tarde e, sobre todo, durante as fins de semana. O responsable de socorrismo da piscina Alberto Castro comenta que “xa van varios días en que tivemos que cortar a venda de entradas”, como ocorreu a fin de semana pasada por terse cuberto o límite de acceso ao vaso, onde só pode haber ao mesmo tempo 157 persoas, informan desde o Concello. O número vén marcado pola normativa vixente de acordo co tamaño da piscina.

O responsable do socorrismo e das actividades acuáticas asegura que esta temporada a afluencia á piscina “está sendo espectacular” e explica que ás persoas usuarias “non lles importa o tempo que faga”. 

Alberto Castro pensa que o éxito que está tendo este espacio de ocio é o propio entorno, habilitado con zonas de sombra e merendeiros. “Esta fin de semana houbo quen veu pouco despois das oito da mañá para gardar sitio nas mesas e botar aquí todo o día. Nós levamos a xestión da piscina noutros concellos da zona, pero o de San Sadurniño este ano está sendo unha loucura”, asegura.

Os prezos para os baños libres mantéñense case igual que o ano pasado, a excepción da suba do IPC, e tamén houbo un bo número de persoas que mercaron abonos para que lles saia máis a conta. Ata este momento mercáronse 54 abonos, 8 individuais e 46 familiares, que supoñen un importante desconto  para as 228 persoas beneficiadas.

A venta de abonos para a piscina de San Sadurniño medra pese ao tempo revolto

Te puede interesar