Unha obra de teatro para ler: a vida de Hellen Keller con Grupo Chévere en Narón

A compañía apunta que as datas do Pazo da Cultura son as únicas axendadas en Galicia
Unha obra de teatro para ler: a vida de Hellen Keller con Grupo Chévere en Narón
O director da obra, Xesús Ron | CEDIDA

Esta fin de semana, e por partida dobre, a compañía Grupo Chévere representará no Pazo da Cultura –venres ás 20.00 horas e sábado ás 20.30– “Hellen Keller, a muller marabilla?”, unha obra que conta a historia da primeira persoa xordo-cega en obter un título na universidade de Harvard, pero tamén a dunha “activista incansable, loitadora en favor dos dereitos civís e membro de colectivos polos que, no seu momento, podías chegar a ser asasinado”, explica o membro da agrupación Xesús Ron, director desta peza.


Parte da vida de Keller foi ocultada, en busca de desprestixiar unha figura máis que relevante e, sen dúbida, un referente para moitos. “A compañía descoñecía esta historia”, asegura Ron. De feito, no medio dun ensaio, unha das actrices mencionou a figura desta muller e, a partir de aí “fomos penetrando na súa historia, atopando cuestións ou puntos en común que cadraban con outras cousas que xa levaramos a escena”, asegura Ron. Ese foi o punto de inflexión para o grupo, o momento no que decidiron que esta vida tiña que ser contada, pero optaron por unha posta en escena que resulta pouco común na dramaturxia.

 

Un xogo


Esta é unha obra de teatro para ler, curiosamente. Así, do mesmo xeito que o resto de representacións de Chévere, “é unha obra que convida a un xogo” e, neste caso en concreto, un que non se deixa ver moito sobre as táboas. “Por unha banda, unha das invitacións máis importantes para a obra en relación co público oínte, é a expresión simultánea en lingua de signos e oral, o que vai colocar a este colectivo nun lugar que, normalmente, está reservado para as persoas con discapacidade”, expón o director. 

Seleccionhk4(1)
Un momento da representación | CEDIDA


Unha cuestión tan importante como esta, que moitas veces pasa desapercibida, déixase ver con detalles, explica Ron, como que “os sobretítulos non sexan para as persoas xordas, senón para o resto, cuestión que nos descoloca. Nós convidamos ao público a que desde ese novo lugar entren no xogo que implica esta obra de teatro”. 


Últimas datas


Con preguntas que falan de rebeldía e disidencia, os de Chévere chegan a Narón esta fin de semana coas que son, por agora, “as únicas funcións axendadas en Galicia” para este ano, polo que convidan a “os de Ferrolterra e contorna” a gozar dunha representación que lle dá unha volta á concepción clásica do teatro. Iso si, no resto de España xa lles están esperando xa que teñen actuacións pechadas “para o que queda de ano”.


Percorrerán o panorama nacional presentando un “espectáculo para mergullarnos nun idioma que, ao igual que o galego, é cooficial, pero minorizada”, asevera Ron, facendo de “Hellen Keller, a muller marabilla?”, unha “representación bilingüe”


Cun elemento distintivo sobre as táboas, unha historia con forza e un elenco que vén con ganas de demostrar a súa valía, Chévere escapa un pouco deses “non lastres, pero si fíos que atan cando empezas neste mundo”, comentan. Agora, “facemos o que nos gusta”, explican, apostando por historias como esta, que teñen moito que ensinar, pero “que non son coñecidas en Galicia, mesmo en España”.


Desta maneira, a decana compañía converterá ao Pazo da Cultura en testemuña da historia, en concreto, dunha que foi silenciada. Unha oportunidade irrepetible na zona máis aló desta fin de semana para aqueles dispostos a “gozar do xogo”. 

Unha obra de teatro para ler: a vida de Hellen Keller con Grupo Chévere en Narón

Te puede interesar