As inmediacións da rampla da antiga Confraría de Pescadores de Pontedeume acolleron á súa nova veciña: unha escultura en pedra de dous metros e medio –obra da cantaría Pedra Stone Design Proyects– que busca manter presente a memoria das mulleres vinculadas ao mar.
O monumento foi descuberto de maneira oficial polo rexedor eumés, Bernardo Fernández, quen explicou aos presentes que con esta peza “pretendemos recoñecer o esforzo, a dignidade e a contribución de varias xeracións de mulleres que co seu sacrificio garantiron un presente e un futuro mellor para as súas familias”, comentou o alcalde, en referencia a aquelas peixeiras que durante décadas recolleron nos seus paxes o peixe para despois vendelo polas parroquias do municipio e localidades próximas.
Este tributo precedeu aos festexos na honra da Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros. O desfile comezou en torno ás once da mañá con dirección á lonxa. O tradicional baile da Danza de Arcos correu a cargo da Asociación Folclórica e Cultural Orballo e deu paso ao acto litúrxico e á posterior procesión marítima.
Non foron poucos os que, aproveitando a ocasión, se achegaron ata o peirao para desfrutar da Festa do Marisco impulsada polo club de balonmán eumés.