San Sadurniño renova o convenio coa asociación de froita galega e a Casa do Mel

San Sadurniño renova o convenio coa asociación de froita galega e a Casa do Mel
Un momento da firma do acordo entre a administración municipal e as dúas entidades | c. galdo

O Concello de San Sandurniño renovou o contrato coa Asociación Galega de Froita Autóctona (AGFA). O concelleiro de Desenvolvemento local, Manolo Varela, e os presidentes da devandita entidade malia Asociación Casa do Mel, José Antonio Bellas e Manuel Ferreira, respecticamente, asinaron os convenios de colaboración entre o Concello e as entidades para a promoción da fructicultura e a apicultura no 2022.


Os acordos reflicten que ambas asociacións comprométense a organizar cursos gratuítos para a veciñanza de San Sadurniño e a colaborar no desenvolvemento doutras actividades de dinamización do sector primario. O importe dos acordos ascende a 4.000 euros no caso da AGFA do Eume e a 1.500 no da Asociación Casa do Mel.


Tal e como establece o convenio, a Asociación da Froita Autóctona do Eume asume o compromiso de continuar diversificando a plantación da horta “A Cortiña” con novas variedades ou repoñendo as que morran, xunto coa execución dos traballos necesarios para a conservación e mantemento da leira, entre eles os programas anuais de poda. Tamén se recolle a colaboración da asociación na organización do concurso de froita autóctona da Feira Rural, a encomenda de planificar as visitas ao recinto e a súa colaboración canda a Casa do Mel e a Asociación Agroecolóxica A Cortiña para organizar as xornadas anuais.


En Canto a formación, a entidade tamén se compromete en virtude do devandito acordo a organizar un curso cunha duración mínima de 20 horas relacionado coa fructicultura, cun desconto do 50% para a veciñanza de San Sadurniño.


O convenio asinado coa Asociación Casa do Mel de Goente tamén delega neste colectivo o mantemento das colmeas situadas ao pé da plantación de froiteiras. A entidade deberá repoñer elementos deteriorados, protexer as abellas da velutina, ofrecerlle os coidados que requiran e mesmo contratar un seguro de responsabilidade civil polos danos que puidesen causar.


O acordo inclúe unha parte didáctica, vinculada á celebración dunha exposición apícola na Feira Rural e á organización do curso anual de introdución á apicultura que se desenvolve habitualmente a mediados de primavera. Igual que no caso da AGFA, este curso terá un desconto do 50% para xente empadroada no concello e no caso de que non se xunte un grupo mínimo de 10 persoas para facelo en San Sadurniño podería integrarse nas actividades formativas que ofrece a Casa do Mel nas súas instalacións de Goente.


Por outra banda, a asociación apícola deberá colaborar nas xornadas “Apostando polo sector primario”, promovidas polo Concello con axuda técnica da AGFA, da propia Casa do Mel e da Asociación Agroecolóxica A Cortiña, que este ano tampouco suscribirá convenio.


Apuntan desde o Concello que unha cláusula común nos dous acordos asinados é a de que tanto a Asociación Galega da Froita Autóctona como a Asociación Casa do Mel deben procurar coordinarse na realización de visitas guiadas –tanto para escolares como outros grupos que as concertasen previamente–, co obxectivo de ofrecer unha visión integral do proxecto que se desenvolve na Cortiña en relación co papel polinizador das abellas e a importancia das propias árbores para o sostemento do colmear.


As entidades percibirán nestes días como adianto o 75% da cantidade asignada, mentres que o outro 25% se aportará cara a finais de ano, cando presenten as facturas xustificativas dos gastos.

San Sadurniño renova o convenio coa asociación de froita galega e a Casa do Mel

Te puede interesar