Novidades no concurso de pintura de Narón pola pandemia da Covid-19

Novidades no concurso de pintura  de Narón pola pandemia da Covid-19
Guillermo Sánchez Fojo e Marián Ferreiro na presentación de onte

A actual situación sanitaria derivada da pandemia do coronavirus obrigou a introducir algunhas novidades nas bases do XII Concurso de Pintura Cidade de Narón coa finalidade de establecer e aplicar todas as medidas preventivas fronte á Covid-19. Haberá tres cateogorías: profesional, amadora e infantil, con diferentes prazos de presentación dos traballos.

O vindeiro luns abrirase o correspondente ao primeiro dos grupos, cuxos participantes terán que entregar as obras de xeito telemático a través do correo pinturacidadedenaron@padroadocultura.es –terán de prazo ata o 24 de outubro–. “O feito de presentalas telematicamente é un dos cambios neste concurso debido á actual pandemia e tamén haberá novidades en canto á exposición destas obras, xa que pasarán á final un máximo de 24 que serán seleccionadas por un xurado e que, de consideralo estes profesionais, poderase incrementar esta cifra, en función da calidade dos traballos presentados”, explicou onte a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, na presentación do certame, acompañada polo concelleiro de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo.

As obras seleccionadas polo xurado deberán de entregarse no Pazo da Cultura ata o 10 de novembro. Alí permanecerán expostas do 16 ao 23 de novembro, xornada esta última que coincide co Día de Narón, festividade local, na que se entregarán os premios.

Presencial
En canto as categorías amadora e infantil –esta última ata 15 anos– as obras poden presentarse presencialmente no Pazo da Cultura, do 19 ao 24 de outubro e neste caso serán expostas todas as presentadas, podendo verse do 2 ao 11 de novembro no horario de apertura das instalacións.

Tamén haberá novidades no que ten que ver cos premios. Así, segundo explicou Ferreiro, o primeiro premio na categoría profesional “Cidade de Narón” estará dotado con 3.000 euros e con 500 na amador “Francisco Criado”. A infantil está fóra de concurso pero todos os participantes levarán un agasallo. As obras gañadoras dos dous primeiros grupos pasarán a ser propiedade do Padroado da Cultura e o gañador ou gañadora terá dereito a unha exposición coas súas obras de quince días no Pazo da Cultura.

Os traballos presentados deben ser orixinais e cada autor ou autora só poderá presentar unha. As bases completas poden ser consultada na web do Concello de Narón.

Novidades no concurso de pintura de Narón pola pandemia da Covid-19

Te puede interesar