O evento máis importante do ano para Moeche, a feira do 23 de abril, reuniu a multitude de persoas que se achegaron ata a localidade para gozar dunha xornada que mestura arraigamento, cultura e tradición co protagonismo indiscutible dos cabalos. A cita, organizada pola asociación ecuestre que leva o mesmo nome –coa colaboración do Concello, do que recibe unha subvención de 6.000 euros máis o apoio loxístico–, é unha das máis importantes da Comunidade, con orixe no medievo e que se celebraba inicialmente arredor do castelo.
Os participantes nas catro probas de andadura galega cronometrada foron chegando desde primeira hora da mañá ao recinto ferial de San Ramón, aínda que as carreiras non comenzaron ata pasadas as once e media. Mostra da importancia deste evento cabalar son os 150 inscritos que rexistrou a entidade na medianoite do primeiro día.
“Este ano limitamos as carreiras porque o ano pasado correron 240 cabalos e o recinto é o que é, non está acondicionado para acoller a tantos animais”, explica a presidenta da Asociación Ecuestre 23 de abril, Noelia Castro, que remarca a importancia da cita modestina. “Hai moita xente que vén todos os anos, xa desde os seus avós, os seus pais... Significa moito para eles. É unha das feiras máis antigas de Galicia e marca o inicio da tempada. A xente está ansiosa por comezar e por facelo aquí”, engade Castro, poñendo de manifesto que “gañar en Moeche non é gañar en calquera sitio. O cabalo que gaña aquí é un cabalo bo para todo o ano”.
Esa limitación nas carreiras –participaron finalmente 180 xinetes nas categorías de andadura chapeada e serrada (de máis e menos de 1,50 metros de altura, quedando fóra máis de 100 solicitudes)– veu para deixarlle espazo ao paseo tradicional, a esencia desta Feira do 23 de abril. “Aquí os veciños criaban aos seus animais e os mantiñan durante todo o ano para lucilos ese día. Queremos seguir conservando ese paseo cabalar, posto que Moeche é un dos únicos sitios onde se fai. En Mondoñedo teñen a baixada e nós temos o paseo”, apunta Noelia Castro.
Deste paseo saíron tamén dous premios (de 150 euros cada un) para a mellor egua e o mellor cabalo de sela. Ademais, a organización incluíu tamén as categorías de mellor besta con cría e mellor semental. “Hai moitos anos que non se facía e quixemos recuperalo”, explicou a asociación.
Os gañadores en cada un destes apartados, xunto co de manada máis numerosa, recibiron cadanseu trofeo –“un agasallo simbólico, a figura dunha cabeza dun cabalo que elaborou unha empresa de Moeche”, indica a presidenta da entidade– ademais dunha aportación económica de 300 euros para o primeiro clasificado, de 200 para o segundo e de 100 para o terceiro. En total, 3.650 euros en premios.
Ademais dos gañadores, na entrega tiveron protagonismo os máis pequenos do municipio xa que foron un grupo de nenos do Consello Local da Infancia e a Adolescencia (CLIA) de Moeche os encargados de entregar as diferentes distincións aos participantes. “Traballan moito durante todo o ano. Levan propostas ao Parlamento, ás organizacións, ao Concello... é unha maneira de recoñecer todo ese traballo”, explica a asociación.
A preparación da feira cabalar modestina implica un duro traballo que desde a Asociación 23 de abril aseguran non sería posible sen a implicación de todo o pobo. “Queremos agradecer a todos os locais comerciais que aportaron desinteresadamente para a feira, pese a que hoxe [por onte] é festivo e moitos deles non abren. Tamén a todos os compañeiros que axudaron na decoración, a outras asociacións de cabaleiros (como a da Crina de Cedeira ou Ortigueira) e a todos os veciños que ceden os terreos colindantes para que se poida aparcar ou deixar os cabalos. E por suposto, aos amigos e á familia que nos viñeron botar unha man á hora da montaxe”, declarou Castro.
Mostra da ampla despregadura para a celebración da cita ecuestre son os equipos de Protección Civil das Pontes, Neda, Narón e Valdoviño que participaron no dispositivo, así como a Garda Civil do posto de San Sadurniño.
A alcaldesa, Beatriz Bascoy, lamentaba onte as choivas que se produciron pola mañá e que demoraron un pouco a celebración das probas, cunha “alta participación”. “O día non nos axudou nada e hai que ter en conta que era un día de semana”. Malia todo, sostén que “houbo moita xente, sobre todo na zona das carreiras”, apuntando que “todo saíu ben, salvo un pequeno incidente dun rapaz que caeu do cabalo cando saíu da carreira. Pero está ben”.
A rexedora apuntou, ademais, un elemento moi importante da cita modestina. “Ao mellor desde o mundo das carreiras non se ve tanto, pero a parte do trato do cabalo, da compra-venda, é fundamental. Este ano houbo moitísimos animais e moitísimos gandeiros cos seus cabalos para o trato. Viñeron do norte de Portugal, de Asturias... e outra peza fundamental, xunto co paseo, da feira”, remarcou.
Pola súa banda, Noelia Castro sinala a recuperación que vive o sector cabalar e que demostra a grande afluencia de público desta cita. “Cada ano hai máis xente. Pasa en todas as modalidades: carreiras, doma, salto...”.