martes 20.08.2019

Licitan por 188.000 euros a nova fase de consolidación do castelo de Narahío

As empresas interesadas en acometer os traballos teñen ata o 24 de abril para presentar propostas

A terceira fase de consolidación do castelo permitirá tamén mellorar os accesos ao fortín e poder subir á parte máis elevada do mesmo | Entremedias comunicación
A terceira fase de consolidación do castelo permitirá tamén mellorar os accesos ao fortín e poder subir á parte máis elevada do mesmo | Entremedias comunicación

A plataforma de contratación do Estado publicou nos últimos días os pregos técnicos polos que se rexerá a contratación das obras da terceira e última fase de consolidación do castelo de Narahío. O prezo de saída do proxecto sitúase en 188.750 euros, IVE incluído. Con esta partida buscarase afianzar as partes da estrutura aínda pendientes e, maís que nada, “preparar os acceso e o seu contorno para que se poida visitar con total seguridade”, apuntan desde o Concello.


No proxecto colaboran a Deputación da Coruña, que asume o 80% do custo dos traballos; o Concello local, que se fai cargo do 20% restante, e a consellería de Cultura, que deseñou o plan de intervención e levará a cabo a dirección de obra baixo a supervisión do arquitecto José Antonio Alonso. As empresas teñen ata a medianoite do día 24 de abril para presentar as súas propostas técnicas e económicas para facerse cargo dos traballos.

Esta será a terceira gran actuación á que se somete o fortín de Narahío e consistirá, a grandes trazos, na limpeza e preparación dos accesos ao castelo dotando ao espazo de escalinatas desde o punto máis baixo do promontorio. A idea, apuntan desde o Concello, é acondicionar un itinerario circular desde a porta principal que, ademáis, tamén permita ver partes hoxe ocultas debido á acumulación de entullos de derrubamentos ou polo amoreamento de materiais de obras anteriores.

Tamén se pretende continuar a labor de consolidación das dúas anteriores fases.
Xunto a estes traballos, que irán precedidos das oportunas prospeccións arqueolóxicas, tamén se acometerán outros encamiñados a poñer en valor todo o conxunto como enclave turístico. Por iso o proxecto deseñado polo arquitecto José Antonio Alonso contempla encaixonar en madeira tratada o andamio exterior que comunica a base da torre coa porta situada a media altura da fachada sur. No interior tamén se armará unha segunda estrutura con catro columnas que permitirá seguir subindo ata o punto máis alto do castelo. Esto permitirá apreciar aspectos construtivos do fortín como cornixas, fiestras e arranques de arquerías que doutro xeito non se poderían ver.


Dende o máis alto poderase divisar parte do Val do Castro no que se enclava o castelo pero tamén os reochedos do Saínde e o marcado desnivel do río, entre outros aspectos da contorna.


Os traballos son froito de anos de negociacións entre o Concello e as diferentes administracións, en especial coa Deputación.

Comentarios