Juan Freire | “É moi complicado atopar xente válida para traballar nas granxas e máis nunha zona con tantas explotacións”

Juan Freire | “É moi complicado atopar xente válida para traballar nas granxas e máis nunha zona con tantas explotacións”
Juan Freire, en segundo termo á dereita, xunto a outros dous traballadores da cooperativa | césar galdo

Juan Freire é un dos traballadores da Cooperativa Agraria Provincial da Coruña (CAP), que aglutina a outras 41 entidades da provincia e que abandeira un proxecto gandeiro en Santa Mariña do Monte (San Sadurniño) que lles permitirá ampliar a súa capacidade produtiva para atender a crecente demanda dos seus xeados, comercializados dende hai sete anos baixo a marca “Bico de Xeado”. A parte visible desta iniciativa son estes días as obras de construción dunha nova explotación na leira de Barcia.

Cal é o plan que quere desenvolver aquí a CAP?
A cooperativa vai iniciar o proxecto de construir unha nova granxa que vai ter capacidade de 400 camas e a idea é empezar cunha raza de vacas distintas que son as vacas Jersey. Trátase dunha raza orixinaria das illas Jersey, aínda que o país de Europa que máis poboación ten é Dinamarca. Estes días compramos sobre 250 animais de entre catro e 20 meses.

Por que escolleron esta raza?
Principalmente polos sólidos que ten, pola graxa e pola proteína porque a idea que ten a cooperativa no futuro é elaborar algún producto transformado do leite a maiores do xeado. E no tema Jersey é posible que empecemos a desnatar e facer toda a nata que consumir para os xeados. No caso destas vacas, producen un 60% máis de graxa que as frisonas normais e a proteína tamén é un compoñente importante vai ligada ao extracto seco do leite que é o que marca a eficiencia á hora de transformalo.
Que envergadura ten o proxecto?
A finca onde estamos ten cinco hectáreas de superficie total onde imos construir dúas naves distintas. Estas instalacións van ocupar unha superficie entorno aos 8.000 metros cadrados de construción e tamén a fosa de purín doutros 1.300 metros cadrados (5 millóns de litros de capacidade) e imos construír tres silos forraxeiros doutros 2.100 metros cadrados.

Coa idea de seren autosuficientes, ides explotar tamén moitas leiras...
Unha función importante que ten unha granxa é o coidado do medio ambiente porque as hectáreas que se cultivan sempre van a estar mellor conservadas e van dar menos problemas. Empezamos cultivando 60 ou 65 hectáreas e a nosa idea é ilas incrementando no noso futuro. Pero temos que ir pouco a pouco porque nós non somos de aquí e, ao mesmo tempo, hai outras granxas que supoño que irán desaparecendo no futuro e poderemos ir incrementando nós a nosa superficie; pero tampouco é un tema fácil.

En que réxime ides ter a explotación gandeira?
En principio, o que son as vacas en ordeño van estar sempre estabuladas dentro e o que son as vacas secas e as crías van ter un réxime semiextensivo, polo que estarán dentro pero tamén terán acceso para fóra.

Ides aproveitar e remodelar as antigas instalacións da cooperativa da Esperanza...
Si, onde estamos imos construir unha nova e estamos reformando as instalacións onde estaba a antiga cooperativa para acomodar alí sobre 400 cabezas de animais de recría.
Que repercusión social vai ter o proxecto?
Agora mesmo temos tres traballadores directos pero cando comecemos a muxir nesta nova granxa, que esperamos facelo entre os meses de xaneiro ou febreiro do ano que ven, a idea é crear cinco traballos directos ademáis dos indirectos que poda xerar unha granxa. Para min, persoalmente, un dos obxectivos que temos aquí e dos máis importantes son os traballadores que son os que van marcar a diferencia de se o proxecto funciona ou non. Nós somos xente nova aquí e imos contratar persoas novas e estamos moi contentos co grado de implicación do persoal. O tema laboral é moi complicado. Nas granxas é moi difícil atopar xente válida para traballar e máis nunha zona como esta onde hai moitas máis explotacións. A día de hoxe, o proxecto basease no capital humano que temos e tamén é o recurso máis importante que ten esta explotación con respecto do resto.

Poucos traballos desta envergarura vense, non so na provincia, senón en toda Galicia...
É un proxecto importante en canta á inversión [contan cunha axuda pública de 800.000 euros] pero tamén cubre unha problemática que o sector leiteiro ven arrastrando desde hai moito. Temos un sector produtivo de leite moi potente en Galicia, producimos o 40% da leite de España, temos o 50% das explotacións, pero o sector sempre adoeceu de falla de transformación. O que buscamos con este proxecto é producir e intentar transformar a maior porcentaxe de leite que saia das nosas vacas.

Que volume de produción se precisa hoxe en día para facer rendible unha granxa?
Creo que facendo as cousas ben eu non destacaría que haxa que ordeñar 40 ou 200 vacas para que unha explotación sexa rendible. Creo que para traballar nisto o que hai que ter é vocación, ilusión e profesionalidade. Despois non creo que faga falta un volume de vacas inmenso. Para min o máis importante é que dentro da capacidade productiva de cada granxa, se intente rendibilizar os recursos propios, iso é o máis importante. Logo cada un que esté ao volume de producción que poida producir. l

Juan Freire | “É moi complicado atopar xente válida para traballar nas granxas e máis nunha zona con tantas explotacións”

Te puede interesar