sábado 07.12.2019

Henrique Dacosta | “Nunca teño un guión pechado sobre unha historia; son dos que gostan deixarse sorprender no proceso”

escritor “A Rota do Oeste” é a última novela de Henrique Dacosta (Ferrol, 1964), gañador, por tres veces, do Premio Carvalho Calero e autor, entre outros, de “Ferroláns na Historia da Literatura Galega” (2007). Agora regresa ao territorio da novela a través dos escandinavos que se achegaban a Compostela polo Camiño Inglés.
Henrique Dacosta
Henrique Dacosta
A fascinación por territorios extremos que leva sentindo desde a nenez foi unha das motivacións de “A Rota do Oeste”, a súa última novela. Henrique Dacosta traza nestas 320 páxinas unha historia que liga a Europa máis setentrional coa cidade de Ferrol a través do Camiño Inglés, unha conexión aparentemente improbábel mais amplamente documentada.

Como xurdiu a historia de “A Rota do Oeste?
Xorde por unha fixación case infantil polos lugares extremos. Nese sentido, Escandinavia, e Islandia en particular, sempre foron para min un grande atractivo. E o que resultou unha descuberta foi o feito de acabar ligando esa fascinación con que os escandinavos, os tardoviquingos, cristianizados por tanto, tamén emprendían o Camiño Inglés a Santiago. Iso foi o que me predispuxo para montar unha historia onde conectei ese mundo islandés con este outro mundo galego, aparentemente distante e distinto, pero na realidade con moitos puntos de encontro, moitos máis dos que eu pensaba.

A fórmula de artellar historias entretecendo o seu entorno con lugares afastados xa estaba presente noutras novelas...
Sempre acabas regresando ao teu lugar de orixe porque, queiras que non, é no que te sentes máis cómodo. Mesmo descritivamente aparecen moitos elementos que teñen a ver con Ferrol e a súa contorna. Con todo, esta novela é moi itinerante; tanto, que, regresando novamente a Islandia, aparece todo un itinerario marítimo que vai por Dinamarca, os Países Baixos, as Illas Británicas...

Despois duns comezos no eido do relato, está xa asentado na creación de novelas?
Eu comecei con relato. Nunca me gustou chamarlles contos, por aquilo das connotacións que pode ter para algúns, aínda que ao final relato e conto veñen dicir ou ser o mesmo. O relato é unha maneira de iniciación no que sería o mundo da novela longa, pois tes que adquirir moita destreza para logo atinxires esa outra capacidade para textos máis complexos. O relato, aínda que poida parecer algo menor, require dunha precisión e tensión non tan decisivas na novela, que permite máis licenzas. Con todo, nunca abandonei o relato. De feito, o libro anterior, “Á deriva”, é un conxunto deles que están feitos en moi diferentes épocas.

Como enfoca a creación dos personaxes nunha novela na que se percibe unha gran complexidade?
Cando menos dous dos personaxes principais están moi de-senvolvidos, non son planos, teñen un percorrido evolutivo, coas súas inquietudes, contradicións, procuras, teimas e preocupacións... Son personaxes máis redondos. Esta novela era en principio máis experimental, co obxectivo de se converter nunha mensaxe case metaliteraria. A novela crea mesmo outra publicación dentro dela, como unha busca para intentar facer algo diferente e ver se iso calla no lector e ten un rendemento posterior.

É dos que traballa sobre un guión pechado ou dos que optan por certa marxe durante o proceso?
Eu son dos que se deixan levar, non teño un guión pechado. Gosto deixarme sorprender. Se ben é certo que existe unha planificación previa, sempre hai unha certa marxe creativa que me gusta cultivar.
.
Concibe tamén o libro como un xeito de promoción do Camiño Inglés?
Sen pretendelo, en realidade, creo que é unha boa maneira de situármonos, de dármonos valor. O Camiño son moitas rotas diferentes e esta é unha delas. Neste caso, ademais, unha rota marítima, unha rota desde o oeste que facían os escandinavos e os británicos. Creo que é unha maneira óptima de reclamar a atención, tendo en conta que só desde Ferrol se pode conseguir a compostelana.

Como admirador de Carvalho, como valora a decisión da RAG?
Chegou un momento no que o proceso de normalización sufriu unha desbandada importante no número de galegofalantes, polo que xa non ten sentido ningún fechar portas a aquilo que sexa positivo para o idioma. Creo que hai que ser máis aperturistas e buscar ese binormativismo que moitos reclamamos. Creo que Carva-lho representa esa liña e mesmo os máis oficialistas están caendo na conta de que é necesario.

Comentarios