Fene contará cunha pista de “pump track”. Trátase dunha disciplina deportiva que nos últimos anos espertou un grande interese entre a mocidade, sobre todo nos ámbitos urbanos. Consiste nun circuíto que pode percorrerse en bicicleta ou patín utilizando unicamente o impulso do propio corpo, cun trazado que combina pequenas subidas e baixadas que permiten completalo entre saltos e viraxes espectaculares, como subliñan desde o Concello.
O goberno local deseñou unha destas pistas enfocada á iniciación e ó nivel medio que se construirá en Perlío, nunha parte da parcela que ocupa actualmente o antigo circuíto de coches de radio control. O investimento previsto ascende a 48.350 euros e o consistorio agarda cofinancialo cunha achega da Xunta para equipamentos deportivos.
A parcela encóntrase na parte traseira do Edificio As Pías e do Hostal Perlío, con acceso desde as rotondas de entrada a Navantia Fene e relativamente preto da zona deportiva da Xunqueira. Trátase dun terreo que alberga desde hai máis de dúas décadas un circuíto para coches todo terreo radiocontrolados, que na actualidade se encontra en desuso.
O proxecto municipal contempla a construción da pump track no espazo libre que se encontra máis próximo á beirarrúa. No plano da imaxe reflíctese unha infraestrutura deportiva coa feitura parecida á dunha pista de atletismo pero a pequena escala, xa que só serán 235 metros cadrados. Iso si, moi intensos, dado que se trata de dúas rectas paralelas de 1,5 metros de ancho por case 20 de longo cada unha, cheas de pequenos montículos e conectadas nos extremos por dúas curvas cun pronunciado peralte, como explican desde o consistorio.
O percorrido total é de 60 metros en sentido único, concibidos como unha pista que lle permita iniciarse no pump track “á rapazada e a persoas adultas”, pero que tamén ofreza boas sensacións para quen xa teña certa experiencia. De feito, no propio proxecto menciónase que se o circuíto ten o éxito agardado, co tempo o Concello debería plantexarse construír outro de maior dificultade ao seu carón “no que poder celebrar competicións”, afirman.
Debido á proximidade coa igrexa de Perlío, o Concello xa solicitou informe de Patrimonio.