A estrada que une Valdoviño con Cedeira percórrese en menos tempo

A estrada que une Valdoviño con Cedeira percórrese en menos tempo
A obra avanza na materialización das actuacións de mellora da rede viaria entre Ferrolterra, Eume e Ortegal | cedida

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, reuníronse onte para supervisar o resultado da reforma da estrada Valdoviño-Cedeira. A actuación tivo lugar en case catro quilómetros de vía, dende a saída do núcleo urbán de Valdoviño até A Ramalleira, e permitiu acurtar o tempo de percorrido nun 30%.
 

Vázquez explicou que a obra era demandada polos veciños e visitantes, xa que se trata dunha estrada pola que circulan 5.000 vehículos ao día de media. A frecuencia intensifícase en grande medida no verán debido aos atractivos turísticos e á actividade deportiva da zona de Pantín.
 

As accións de mellora efectuadas entre os quilómetros 13 e 17 da AC-566 consistiron no ensanche da vía e no reforzo do firme, ademais dunha intervención de maior calado en treitos nos que se considerou necesario. Esta última operación baseouse na rectificación das curvas e no aumento da sección transversal para habilitar un carril adicional.
 

Neses puntos nos que se dispuxo un carril a maiores, ampliouse a plataforma até obter unha sección total de 10 metros para aloxar os dous lados de circulación de 3,5 metros cada un, ademais das beiravías e os elementos de drenaxe.
 

Vázquez apuntou que a importancia da mellora acadada na circulación viaria entre Valdoviño e Cedeira, radica nas complicacións que daban as curvas pechadas e na imposibilidade de adiantamento.  
 

A acción, na que a Xunta investiu 4,7 millóns de euros, incluíu a reforma de interseccións, a habilitación de cambios de sentido e a facilitación daqueles xiros á esquerda que reúnen as condicións de seguridade obrigadas.
 

Próximas actuacións

A conselleira avanzou que neste outono culminarase a primeira fase da mellora da capacidade e seguridade da AC-862 en San Sadurniño, para o que se van investir 7,2 millóns de euros.
 

Tamén está en trámite o proxecto da segunda fase, do treito comprendido entre o Campo do Hospital e Ponte Mera, en Ortigueira. Agárdase que a intervención, cuxo investimento é de 7,5 millóns de euros, poida licitarse proximamente.
 

Ademais, Ethel Vázquez subliñou o cumprimento da Xunta de Galicia coa folla de ruta comprometida, debido a que xa se mellorou a estrada do Porto de Bares, en Mañón, así como tamén se rematou o acondicionamento da AC-110 nas Somozas.

A estrada que une Valdoviño con Cedeira percórrese en menos tempo

Te puede interesar