A escola infantil municipal Os Pelegríns do concello de Neda arrincou este curso escolar cun total de 23 nenos e nenas nas súas aulas. O alcalde, Ángel Alvariño, visitou onte as instalacións e lembrou que o prazo de matrícula continuará aberto en tanto non cubra as vacantes existentes.
O rexedor municipal e a concelleira delegada de Igualdade, Ángeles Puentes, achegáronse ao centro para saudar ao alumando, e interesarse por como está resultando o seu período de adaptación. O curso botou andar o 2 de setembro con catro nenos de menos de un ano; seis de entre un e dous anos, e trece no grupo dos maiores, con idades comprendidas entre dous e tres anos.
O alcalde Ángel Alvariño anima á veciñanza con fillos ou fillas de entre 0 e 3 anos, con dificultades para conciliar vida laboral e obrigas familiares, a botar man deste servizo gratuíto, cunha xornada que se adapta a cada caso (xornada completa, media ou reducida) e conta con servizo de cociña e comedor propios, cun menú pautado por unha nutricionista, e adaptado ás necesidades de cada neno. Ao ter todavía prazas vacantes, o centro ábrese a alumnado doutros municipios próximos.