Diego Calvo valora os investimentos do fondo de compensación ambiental

Diego Calvo valora os investimentos do fondo de compensación ambiental
Un intre da visita á vila onde supervisaron o novo tractor para as brigadas ambientais adquirido con Fondo de Compensación Ambiental

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou onte o concello de As Pontes de García Rodríguez, un dos beneficiarios do Fondo de Compensación Ambiental impulsado pola Xunta para facilitarlles ás administracións locais a protección do medio natural. 
 

Ao abeiro desta liña de axudas, dotada este ano con 11,3 millóns de euros e que prevé un orzamento similar no vindeiro exercicio, o consistorio pontés recibiu 240.400 euros, que destinou, entre outras medidas, á adquisición dun novo tractor para as brigadas ambientais (na imaxe).
 

O novo equipamento supuxo un custe de 115.624 euros. A maiores, coa achega do Goberno galego realizáronse actuacións de mantemento na contorna do lago para uso recreativo, didáctico e divulgativo deste espazo natural, cun orzamento de 119.378 euros, e tamén se acometeron obras no Picovello para evitar a degradación e a deterioración ambiental, ás que se destinaron 5.404 euros. 
 

Na visita de onte, na que Calvo estivo acompañado pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, o vicepresidente segundo comprobou a funcionalidade do novo vehículo, adaptado á normativa de emisións, “que garante un motor máis respectuoso co medio”, apuntan desde a Xunta. Segundo sinalou Diego Calvo, con esta actuación “dótase as brigadas municipais de maquinaria axeitada para realizar o seu labor de roza e de limpeza de xeito áxil e preciso. A Xunta facilítalle así ao concello o mantemento de espazos naturais e de camiños a prol dunha maior dunha maior seguridade e desfrute da poboación”, subliñou.
 

A medida enmárcase no compromiso do Goberno autonómico coa sustentabilidade das administracións locais. Nesta liña, o vicepresidente segundo sinalou que o Fondo de Compensación Ambiental suma desde a súa posta en marcha, en 2010, un investimento superior aos 116 millóns que os concellos destinan a actuacións de protección do medio ambiente e do espazo natural mediante a execución de infraestruturas,  a contratación de persoal e a adquisición de equipamento. 
 

As melloras de eficiencia enerxética e a instalación de enerxías renovables son unhas das accións máis impulsadas ao abeiro desta liña de axudas, ademais da adquisición de vehículos con distintivo ambiental de cero emisións ou eco, redes de abastecemento e saneamento e a utilización recreativa ou didáctica dos recursos naturais ou o desenvolvemento de campañas divulgativas de concienciación ambiental, entre outras.
 

Diego Calvo incidiu na relevancia desta iniciativa que permite reverter os ingresos do canon eólico nos territorios dos concellos afectados. “Só nos últimos cinco anos, na provincia da Coruña investíronse máis de 14 millóns para impulsar 334 proxectos destinados á protección do medio ambiente e do espazo natural”. Así mesmo, remarcou que o vindeiro ano haberá unha nova liña de apoio a eficiencia enerxética dotada con 2,6 millóns.

Diego Calvo valora os investimentos do fondo de compensación ambiental

Te puede interesar