Da bioloxía ás artes escénicas: múltiples actividades en Narón en Pegadas Culturais

Da bioloxía ás artes escénicas: múltiples actividades en Narón en Pegadas Culturais
A naronesa Sandra Martínez no seu local, que abriu as portas o pasado mes de setembro I Daniel Alexandre

Pegadas Culturais é o proxecto de Sandra Martínez, unha naronesa que estudou Bioloxía e que quixo facer realidade o seu soño de crear unha empresa que mesturase educación ambiental, teatro e artes escénicas


Despois de percorrer múltiples municipios de Galicia impartindo diferentes obradoiros a entidades, centros educativos e Concellos, volta agora á súa terra natal para ofertar aos veciños e veciñas da comarca diferentes actividades no seu local, ubicado na rúa Médico Valero s/n


“Pasado un tempo, o certo é que me apetecía ter un pouco máis de estabilidade e darlle tamén máis visibilidade ao meu proxecto. Decidín dar un paso máis e, un pouco por casualidade, apareceu este espazo que a verdade é que ten todo o que eu andaba a buscar”, comenta ilusionada sobre as instalacións, que abriron as súas portas o pasado 9 de setembro.


Ofrece, pois, todo tipo de actividades enfocadas tanto para o público adulto como para os pequenos e pequenas da casa. “O que nos diferencia un pouco é que ofrecemos obradoiros anuais, de fin de semana, intensivos ou trimestrais”, explica.


Entre as propostas atópanse temáticas tan dispares como roteiros teatralizados, repostería, inglés lúdico ou ciencia divertida. “Este mes imos ter unha trimestral de Bullet Journaling [método de organización e planificación de tarefas] e para o 18 e 19 de novembro hai programado un curso intensivo de iniciación á ‘impro’ teatral”, comenta.

 

Actividades empresa Pegadas Culturais Naron
Unha das rutas organizadas por Pegadas Culturais


Co Samaín a piques de chegar,  esta moza naronesa xa argalla outra proposta para os máis pequenos. “Para os nenos e nenas organizamos, unha vez ao mes, un contacontos que vai sempre acompañado doutra proposta. Faremos un obradoiro de decoración de cabazas e elaboración de decoracións con produtos reciclados. Intentamos sempre meter nas nosas actividades a creatividade pero tamén a educación ambiental”, clarexa.

 

Recuncho verde

Sempre quixo ter a túa propia horta pero vives nun piso? Pois Pegadas Culturais ofrece a posibilidade de aprender a cultivar desde plantas aromáticas a leitugas ou tomates.


“Establecemos esta actividade pensando en que hai moitas persoas que non dispoñen dunha horta ou terreo para facelo, no caso dos adultos. En canto á rapazada, a actividade é un pouco máis lúdica. Do que se trata é de que veñan e metan as mans na terra, que comecen a coñecer a natureza e a familiarizarse cos alimentos, entendendo, por exemplo, que non podemos ter acceso, de maneira natural, a todos os alimentos durante todo o ano”, explica Martínez sobre unha das actividades que máis éxito están a ter no seu local.


O prezo de cada un destes obradoitos varía en función da súa duración e tipoloxía. “Cada actividade ten a súa tarifa. Para os nenos, as anuais son de 30 euros ao mes e para os adultos entre os 35 e os 40”, comenta, indicando que os xa matriculados teñen un desconto nalgunhas das propostas do 10%.


Os interesados en coñecer máis sobre Pegadas Culturais poden poñerse en contacto con Sandra Martínez a través de www.pegadasculturais.com

Da bioloxía ás artes escénicas: múltiples actividades en Narón en Pegadas Culturais

Te puede interesar