jueves 24/9/20

Comezan as funcións para o público infantil na veterá Mostra de Teatro de Cariño

Teatro del Andamio representa hoxe ás doce no auditorio “O sal do mar e outros contos mariñeiros”
Imaxe da función “Carabela”, de Galeatro, moi concienciada cos residuos mariños e o dano no medio ambiente | c.c.
Imaxe da función “Carabela”, de Galeatro, moi concienciada cos residuos mariños e o dano no medio ambiente | c.c.

Cariño debe ter a mostra teatral máis antiga de Galicia, xa que vai pola súa cuadraxésimo segunda edición. Nin unha pandemia pode frear o compromiso coa escena dunha vila que ofrece un respiro dentro das escasas posibilidades para a cultura que deixa este verán de emerxencia.

Onte mesmo comezaban as funcións no auditorio municipal, logo de que en días previos houbera obradoiros e pasarrúas para orquestrar unha inauguración á altura do evento. 

Esta primeira semana dedicarase fundamentalmente, pero non só, ao público familiar. A primeira obra que se gozou en Cariño foi “Carabela”, de Galeatro, unha reflexión sobre a contaminación, a vida e a destrución do planeta, con dramaturxia de Paula Carballeira e dirección de Davide González. Este último estivo tamén en escena, con Alba Bermúdez e Tone Martínez.

A función desta mañá correspóndelle a Teatro del Andamio, con “O sal do mar e outros contos mariñeiros”. Será no auditorio a partir das doce, con entrada a un euro e aforo limitado (reduciuse á metade). É obrigatorio o uso de máscara en todo momento e tamén se dispoñen dispensadores de hidroxel. Non se pode acceder con síntomas de enfermidade.

Teatro del Andamio presenta a historia de Iago, un neno que xogaba co seu avó a navegar polo mar e que está a punto de facer a súa primeira viaxe para coñecer mundo e xente nova e abrir o cofre cos tesouros que lle deixou o seu avó. Tatiana Likhacheva dirixe esta función para público a partir de tres anos que interpretan Gema Ulloa e Fran Girardo.

A Mostra Infantil continuará mañá mércores con Excéntricas e a obra “Cartóons”, con Vítor Mosquera e Josito Porto en escena. O xoves, Talía Teatro achega as súas “Lambetadas” cheas de dozura pola lingua galega. Xa o venres Redrum fai os seus “Contos do recreo” e o sábado e domingo os lugares cambian (Campín e rúas) con circo e monicreques.

Comentarios