A comarca segue a celebrar o Día da Muller con fotografías para o recordo e homenaxes

A comarca segue a celebrar o Día da Muller con fotografías para o recordo e homenaxes
nave del mercado de Moeche. Fotografía de todas las mujeres del municipio

Para que o Día da Muller non se quede só nunha data, foron moitos os concellos que este fin de semana seguen a celebrar a efeméride para reivindicar unha igualdade real sen teitos de cristal, fenda salarial nin violencia machista, entre outras.

A nave do mercado de Moeche congregou onte a nenas e mozas menores de idade do municipio para retratalas nunha fotografía baixo o lema “Moeche, futuro en feminino 2019”. Este proxecto botou a andar o ano pasado, reunindo a máis dun cento de mulleres nunha imaxe que está colgada na casa consistorial e á que este ano acompañará a nova instantánea.

En Narón, nenas e nenos a partir de 4 anos participaron no obradoiro “Por todos os días violeta”, que tivo lugar na biblioteca municipal e que buscaba poñer en valor a figura de mulleres que tiveron un papel destacado en diferentes ámbitos.

Alumnos do CPR San José de Pontedeume tamén quixeron unirse o 8M á loita feminista inaugurando a exposición “A muller que admiro”, realizada polos estudantes do centro para rendir unha homenaxe ás mulleres que os rodean para concienciar sobre a necesidade dun mundo “respetuoso, aberto e tolerante, sen discriminación de ningún tipo”, destacan. Os escolares do Jorge Juan de Perlío tamén se sumaron á causa recibindo a visita da directora de recursos humanos de Ortegal Oil, María López Rubal; realizando un maratón de lectura sobre varias históricas; e facendo unha cadea con mensaxes formando o símbolo da muller e mesmo bailando unha muiñeira.

En As Pontes, a protagonista da xornada de onte foi a maxistrada local Pura Caaveiro que recibiu unha homenaxe en forma de concerto no auditorio municipal do Cine Alovi, coa colaboración da Banda-Escola Municipal de Música.

Hoxe 
Mugardos, que onte programou visitas guiadas ao Centro de Interpretación de Caldoval baixo o nome de “A muller e os baños romanos”, programou para hoxe un espectáculo de música e danza a cargo da compañía procedente de Uganda, Af Ndanza no Casino Mugardés ás 19.00 horas –entrada gratuita–.

Rocío Chouciño, veciña de Cabanas, recibirá hoxe a homenaxe do Concello polo Día da Muller nun xantar solidario que se levará a cabo no local da SCRYD San Mamede de Laraxe a partir das dúas da tarde. En Cedeira, a Asociación de Amas de Casa escolleu a Anonia Rodríguez Díaz como Muller da Vila 2019, á cal rendirán unha homenaxe hoxe ás 14.30 horas na cafetería do auditorio. Previamente, ás 12.30, a fundadora da Federación Galega de Axuda a Drogodependentes e coordinadora da Fundación Érguete, Carmen Avendaño, dará unha conferencia no propio auditorio.

A comarca segue a celebrar o Día da Muller con fotografías para o recordo e homenaxes

Te puede interesar