Un cento de persoas acudiu en Narón á clausura do proxecto municipal “Un barrio para vivir”

Un cento de persoas acudiu en Narón á clausura do proxecto municipal “Un barrio para vivir”
Na imaxe un intre da clausura deste programa municipal naronés | cedida

A concelleira responsable do Servizo Sociocomuntiario no Concello de Narón, Mercedes Taibo, acudiu o pasado sábado á clausura do programa “Un barrio para vivir”, creado para implicar á veciñanza de cada barrio a través de diferentes actividades. A cita, á que acudiron preto dun cento de persoas, tivo lugar nas instalacións do Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros, onde se presentou o proxecto  e un resumo do mesmo.
 

Taibo explicou onte que durante a cita se falou cos asistentes, representantes dos barrios e parroquias da cidade, sobre itinerarios, fotografías recollidas en diferentes zonas e tamén se visionou un vídeo resumo dos catorce que se elaboraron en total, un por cada barrio ou parroquia. Trala proxección entregáronse aos representantes das mesmas xogos de mesa personalizados para cada centro cívico social municipal. Finalmente visionouse unha mostra fotográfica con máis dun cento de imaxes que recollen a historia e o patrimonio dos barrios da cidade de Narón.
 

“Os programas de dinamización comunitaria impulsados dende o Concello tiveron moi boa acollida”, asegurou Taibo. A edil naronesa destacou a súa función a nivel de interacción entre as persoas de actividades como Barrios no camiño, uns itinerarios interxeracionais nos que participaron unhas 150 persoas e un Memorial do barrio, que posibilitou realizar catorce vídeos que se compartirán a través de redes socias coma o Facebook do Concello de Narón.
 

Tamén agradeceu a concelleira Mercedes Taibo a participación de todas as persoas que tomaron parte no programa, que botou a andar xa no pasado mes de novembro.

Un cento de persoas acudiu en Narón á clausura do proxecto municipal “Un barrio para vivir”

Te puede interesar