Cedeira quere dar cos restos da fragata “San Juan Bautista”

Cedeira quere dar cos restos da fragata “San Juan Bautista”
Lucía Brage, técnica do Museo Mares de Cedeira, cre que participar neste proxecto é “unha oportunidade” | jorge meis

O da fragata “San Juan Bautista” é un caso raro dentro da historia naval de comezos do século XVIII. O barco formaba parte desa frota que se denominaba de correo ou aviso que a Coroa española empregaba, por se tratar de navíos pequenos e rápidos, para transportar a correspondencia desde as colonias americanas. 

O extraordinario desta embarcación é a súa singradura final, o que aconteceu desde que zarpou do Virreinato de Perú ata que afundiu na costa de Cedeira en febreiro de 1709. O pecio permanece desde entón nun punto que o Museo Mares de Cedeira e o grupo de investigación Áncora cren ter localizado. 

Será en primavera cando os participantes neste proxecto que apoia a comisión de seguemento do Museo Mares –integrada pola asociación homónima, o Concello e mais a Confraría de Pescadores– farán as inmersións coas que comezaría a fase de localización e mapeo dos restos. 

Lucía Brage, técnica do Museo, explica que foi o grupo Áncora –formado por persoas vencelladas ao mundo da arqueoloxía subacuática– o que propuxo colaborar para tentar atopar o pecio.  “Segundo os expertos”, explica Lucía, “vai ser o primeiro buque destas características que se estuda arqueoloxicamente en España, mesmo hai quen sostén que no mundo enteiro”.

Por que é tan estraña a historia do “San Juan Bautista”? Primeiro, porque procedía do Virreinato de Perú, algo, apunta Brage, “pouco frecuente porque a maioría viñan de México”. Segundo, polo feito de chegar a esta costa.  “O normal era que arribaran aos portos do sur”, engade. O certo é que esa noite de febreiro, mentres trataba de entrar na ría fuxindo dos piratas holandeses no medio dun temporal “enorme”, o barco capitaneado polo vasco Francisco Sorarte bateu contra as rochas e afundiuse na zona das Pedras Brancas. “Entón, o pobo de Cedeira foi na axuda da tripulación”, relata Brage, “e salváronos a todos agás a un”.

Coñécese pola documentación que se conserva no Arquivo Xeral de Indias –o capitán foi expedientado por perder parte da carga– o lugar aproximado do afundimento, pero o obxectivo dos promotores desta iniciativa, no que colaborará tamén o grupo de mergullo de Cedeira, é atopalo. 

Para o Museo Mares de Cedeira, este proxecto é “unha oportunidade que temos que aproveitar porque é a primeira vez que participamos nun proxecto destas características”.

Se na primavera dan co pecio, mapearanse os restos que, sinala Lucía Brage, “poden estar moi dispersos. E en función do que se atope, podería restaurarse algo”, engade, “aínda que o grupo Áncora considera que non se debe retirar nada da auga salvo que sexan pezas dun valor considerable ou que sexan susceptibles de ser expoliadas”. No caso de que aparezan elementos de valor, estes pasarían ao Museo do Mar de Vigo, coa posibilidade, subliña Brage, de que o de Cedeira solicitase a súa a exposición. “E nós solicitariámola”, conclúe a técnica do Museo Mares.

Cedeira quere dar cos restos da fragata “San Juan Bautista”

Te puede interesar