O executivo pontés vén de rematar esta semana as obras de construción dunha galería cuberta nas instalacións co campo de tiro con arco, ubicado no Poboado das Veigas. Como se recordará, o proxecto contou cun orzamento de 211.000 euros procedentes das arcas municipais e permitiu a execución dunha nova instalación no extremo final da actual zona de tiro para, deste xeito, inverter o sentido da mesma e evitar que a luz do atardecer afecte á visibilidade dos deportistas.
Dende o Concello remarcan que esta actuación permite mellorar as condicións de adestramento dos integrantes do Club Sílex, no que se formaron importantes figuras como os olímpicos Miguel Alvariño e Daniel Castro. Tamén posibilitará a ampliación dos horarios de adestramentos e a posta en marcha de competicións de carácter oficial.
As intervencións incluíron a execución dunha nave cuberta e pechada –que servirá tamén de almacén para os parapetos das dianas e outros útiles– e a ampliación do tellado catro metros para xerar un soportal onde poder adestrar ao aire libre. Edificouse ademais unha nova soleira que será empregada como liña de tiro exterior.