Como cada ano dende 1998, e grazas á A.C. Felicia, a parroquia fenesa de Limodre acolle unha nova edición do festival pop máis antigo de Galicia, o Felicia Pop. Dez bandas nacionais e internacionais deixarán a súa pegada ao longo de tres intensas xornadas. A primeira delas celebrouse onte pola noite no case centenario colexio Indiano de Limodre. Alí, con entrada gratuíta, actuaron dúas bandas de diferentes estilos e idades pero unha mesma lingua, o galego.
Dende Vigo, a veterana banda de soul e blues Allo Negro abriu a xornada. O septeto vigués liderado pola voz poderosa de Isa fixo unha homenaxe á música negra dos anos 50 e 60 e presentou o seu primeiro disco, “Branco algodón”. Seguíronlle os novísimos membros de Ulex, formación compostelá que deleitou co seu pop de arrecendo actual.
A xornada de hoxe será a primeira no parque municipal da Hortiña. A partir das 22.00 horas, abre o evento a banda Pava, dirixida pola poeta Lucía Aldao. A continuación será a quenda de Mega Purple Sex Toy Kit, superbanda galega de músicos experimentados practicantes de estilos que van desde a psicodelia ao progresivo.
Ao redor das 0.30 subirá ao palco de A Hortiña Hey Hematoma, banda que recolle o testemuño de Siniestro Total, interpretando moitos dos seus clásicos punk pero sen ser unha banda tributo ao uso: entre eles estará Miguel Costas, Javier Soto, os irmáns Cunha e Chus Dasilva que volverán tocar temas eternos como “Miña terra galega” ou “Bailaré sobre tu tumba”, entre outros.
A xornada rematará co poderoso trío zaragozano Los Bengala, practicantes de garaxe punk de recoñecido prestixio. A festa continuará unha vez rematados as actuacións cos picadiscos de pop “vintage” Mr.Pitiful e o misterioso Moriwoki.