Este venres comezan oficialmente as festas do Carme na vila das Pontes, que se prolongarán ata o vindeiro 25 de xullo, pero xa dende inicios de semana a actividade cultural e lúdica conforma una ampla programación que serve de “limiar” á patroa e a grande celebración: A Fraga, declarada de interese turístico.
Chegar ata aquí e ofrecer un cartel de alta calidade non é tarefa fácil, e capitaneando esa organización está a edila de Cultura, Lorena Tenreiro, que ten claro como organizar ao longo do ano os preparativos.
A cantidade e calidade da oferta destas festas fan que sexa o momento do ano máis importante para As Pontes?
É o momento clave do ano sen lugar a dúbidas, tanto para os que viven nas Pontes todo o ano como para os que se achegan nestas datas.
O programa oficial arranca este venres, pero leva días habendo multitude de actividades...
Ao final, o que intentamos é dar cabida a todos os públicos porque en catro días onde as verbenas teñen un peso predominante quedaba pouco tempo para outras opcións. Por iso decidimos apostar polas formacións locais, facéndolles un oco na programación e sendo protagonistas das festas. Para nós é un aliciente moi grande porque nos permite chegar a outros públicos e, ademais, pór en valor as asociacións culturais e as escolas de música, e tamén darlle peso ás actividades infantís. O parque activo é unha destas propostas.
En que consiste esta opción de ocio?
É unha proposta da Biblioteca Municipal que durante a mañá sae á rúa, con actividades orientadas ao fomento da lectura: préstamos, manualidades, obradoiros de debuxo... e, pola tarde, ofrécese teatro, circo, música, con actuacións para os rapaces etc. Trátase de combinar a lectura e crear novos públicos para as propostas culturais de todo o ano.
Este venres, o pregón correrá a cargo da Escola Municipal de Baile moderno, danza clásica e flamenco, todo un referente nas Pontes...
Estamos a falar de 22 anos de tradición, é un gran aglutinante de poboación e un protagonista indiscutible da nosa programación. Criamos que era obrigado facer un recoñecemento a todo o labor que se fai dende hai moitos anos transmitindo a paixón pola danza e contado con eles como axente dinamizador da cultura.
As festas comezan por todo alto coa xira “Hija de la luna” en homenaxe a Mecano...
Todos os anos organizamos un gran concerto con grupos de renome para xente de entre 40 e 60 anos máis ou menos, algo nostálxico, para recuperar esas músicas. O ano pasado tivemos a Coque Malla, tamén pasaron polas Pontes Os Secretos e este ano o tributo como reclamo interesante para os amantes da música dos oitenta e noventa.
As festas son en honor á Virxe do Carme e a procesión nocturna ou a alfombra floral son tamén momentos clave da celebración
As festas son en homenaxe á nosa patroa, que está presente como elemento central; todo pivota sobre os actos relixiosos, as procesións, tanto a de baixada, a nocturna, como a de subida. A Virxe vén dende a capela do Carme á praza da Igrexa mañá pola noite e regresa o domingo pola mañá. É un acto esencial na programación, xunto coa novena –as nove misas antes da baixada–. As alfombras florais tamén están ligadas a iso, situándose na praza do Carme, para que pase a Virxe por ela. Os traballos previos comezan días antes e na madrugada de hoxe, dende as cinco da mañá, xa un grupo dunhas vinte persoas traballa na confección. É unha tradición de hai xa 45 anos.
O colofón chega coa Fraga, de interés turístico, que ten xa un festival previo. Como se prepara esta parte da festa?
É a festa máis esperada polos ponteses. A Fraga é o culme. A día 15 xa teñen moitos o seu espazo reservado, onde van montar a cabana, falando da compra das merendas etc. É unha romaría tradicional que foi evolucionando e é punto de encontro de moitas xeracións, unha forma diferente de vivir a romaría. Nós o 24 facemos un minifestival para quecer motores porque á xente xa non lle chega a Fraga a nada.
Canta xente pode reunirse nestas datas?
Non sabería dicircho, cada ano máis. Xente que non está en todo o ano por diversas razóns, nas festas non falta. É a cita, aínda que esteas en Canadá... Todos collen vacacións no Carme.
E cando se comeza a traballar para converter As Pontes nun referente nestas datas?
Básicamente cando remata a festa da Fraga xa nos plantexamos que facer o ano que vén. Analizamos o que funcionou e o que non para ver o que se repite e o que se elimina. O verán é mes de análise e dende decembro-xaneiro xa comezamos coas contratacións e coa programación de orquestras, grupos ou actividades culturais. Dende marzo xa estamos con toda a parte administrativa, dende seguridade a limpeza ou escenarios. En verán coordinamos coas distintas áreas como organizar todo cos proveedores, a parroquia, permisos ou comunicacións.
Se tivera que destacar algo da ampla programación, que sería?
A semana previa porque ao final son as asociacións e os grupos e escolas municipais as que están facendo a programación. Trátase de poñelas en valor e que formen parte das festas; iso é moi importante: facer partícipes aos veciños, pero como protagonistas, non só como público.
E despois destas festas, As Pontes descansa?
Despois, en agosto, temos o aniversario da apertura do lago e moita actividade dende o punto de vista deportivo. O mes que vén xa cambiamos as tornas, dun xullo adicado ás festas e á cultura a un agosto no que toman o relevo os deportes e o turismo.