25 Aniversario | Un cuarto de século contando desde aquí, as cousas de aquí

“Falar da historia de Diario de Ferrol é falar do traballo e tesón dos profesionais que o fan posible cada día”
25 Aniversario | Un cuarto de século contando desde aquí, as cousas de aquí

Conmemorar a fundación dun medio de comunicación é sempre un bo síntoma para calquera sociedade que se prece de cultivar un valor tan importante como é o da liberdade de expresión. Por iso, hoxe esta cidade está de parabéns: a cabeceira que abandeira o nome de Ferrol polo mundo adiante cumpre 25 anos. Ao longo deste cuarto de século, Diario de Ferrol foi unha testemuña fiel da nosa historia, das nosas alegrías e das nosas loitas; foi un faro da verdade e fonte de información, inspiración e conexión para Ferrol e as súas tres comarcas.


Durante este tempo, este xornal ten relatado todos os acontecementos relevantes, primeiro en papel e agora tamén en dixital, cun apego á verdade, ao sentido crítico e ao pluralismo. Unha práctica convertida moitas veces en fazaña tendo en conta os non poucos vaivéns que esta cabeceira, como a meirande parte da prensa escrita, ten sufrido nas últimas décadas, resultado dunha crise endémica agravada por unhas circunstancias socioeconómicas nada favorables.  


Por iso ten máis mérito se cabe a historia de Diario de Ferrol, que non é outra que a historia de éxito dun xornal local que soubo desafiar os tempos de cambio e un contexto de globalización, para seguir apostando polo valor do próximo, axudando a construír un sentimento de arraigo e un sentido de pertenza a este recuncho do noroeste galego.


E falar da historia de Diario de Ferrol é falar do traballo e tesón dos profesionais que o fan posible cada día, seguramente moitas veces con máis vontade que medios. Sempre soubestes ver que a seriedade e o rigor non estaban rifados co xornalismo popular senón todo o contrario. Fuxistes do elitismo dirixido exclusivamente aos entendidos e destes voz ao cidadán de a pé que sempre atopou nas vosas páxinas un espazo para falar de seu. 


Así que a miña máis sincera felicitación aos editores de Diario de Ferrol, á súa nova directora, Cristina Rodríguez Calvo, e ás distintas xeracións de xornalistas, fotógrafos, comerciais, persoal administrativo e de rotativa, que teñen contribuído a que esta cabeceira sexa hoxe unha referencia informativa na nosa zona. Parabéns tamén aos seus lectores e subscritores, entre os que me inclúo, porque a súa fidelidade hoxe é tamén motivo de celebración.


Estes 25 anos de probada capacidade de superación e resiliencia fronte aos momentos de crise son avais dabondo para alentar a confianza no futuro. Así que só me queda transmitirvos os meus mellores desexos e animarvos a continuar por este camiño, sendo fieis á vosa traxectoria e ao espírito que vos viu nacer. Oxalá outros 25 anos máis contando desde aquí, as cousas de aquí! 
 

Martina Aneiros é a delegada da Xunta de Galicia en Ferrol e comarcas

25 Aniversario | Un cuarto de século contando desde aquí, as cousas de aquí
COLABORADORES
Deputacion
Puerto Ferrol
Concello Ferrol

Te puede interesar