Opinión
Viernes 14
de Noviembre de 2008
O MUNDO DE ANGELITA: UNHA FONTE DE REFERENCIAS COTIÁS
GUILLERMO LLORCA FREIRE N A ZONA DE FERROL téñense publicado diferentes biografías sobre destacadas figuras políticas e sindicais da loita antifranquista, como Paco Balón: Memoria de un comunista ferrolano, 1999, de F. González Vidal, Desde el mar que perdiste, 2002, de Manuel Pillado, Cartas a un hijo en el exilio, 2002, de Ramiro. C. Romero, o libro colectivo Julio Aneiros, 2004, e Memorias antifranquistas, de Enrique Vigo, 2004. Pola contra, son escasos os traballos sobre o papel das mulleres nesa mesma loita, por iso o mérito das investigadoras Josefina Leal e Beatriz Varela por recuperar para a historia a intensa biografía vital dalgunhas delas. Primeiro coa publicación de Mela la Carbonera, na revista Dez.eme, no ano 2000, e agora co libro O Mundo de Angelita. Unha vida de loita con nome de muller, recén saído do prelo na Colección Testemuños, da Fundación 10 de Marzo.
Outro dos méritos do libro é o de mergullarse na complexa experiencia vital dunha muller anónima na que o amor polo seu home, un destacado dirixente comunista e respetado líder sindical da Bazán, nos tempos do Franquismo, a leva a tomar conciencia política e compromiso na loita polas liberdades democráticas. Sen embargo, nesta apretada reseña quero suliñar, especialmente, o mundo cotiá que latexa na serie de entrevistas que as autoras da obra lle fixeron á protagonista na súa casa de Mugardos. Velaí saborosas referencias:
Os bautizos: Era xente moi pobre, ninguén lles quería ir de padriño porque despois todos os anos lles tiñas que facer un regalo (...) Por exemplo, pola Pascua había que regalarlles a mona, que era unha bola.
A escola: Á que fun era pública, dábannos todo o material, dende o primeiro pizarrillo -que daquela se usaba pizarrillo e pizarra-, ata a última pluma. Ao rematar a clase quedaba todo gardado na escola, nunhas caixas.
A mestra era sempre a mesma, pero na escola houbo cambios: cando empecei con seis anos, no 31, aínda estabamos coa Monarquía e había un Corazón de Jesús. Na República puxeron un cadro coa figura dunha muller que levaba a bandeira nunha man e a balanza na outra. Despois do Alzamento volveron a poñer o Corazón de Jesús (...)
Os xogos infantís: Eu non tiña xoguetes e facía as bonecas de trapo (...) xogaba á corda e á billarda (...) Xogábamos aos botóns (...) Tamén xogábamos aos policías e ladróns (...) Unha pelota, quen a tiña? As nosas eran de trapo, non de vexigas, porque mi padre aproveitábaas para gardar a graxa cando mataban o porco.
Enterros: Cando os fascistas mataron ao meu pai (...) veu o carpinteiro tomar medidas para facerlle a caixa. Coma todas as que se facían daquela, forrouna de tea negra, púxolle unha almofada cuns lazos (...) Tamén tiña chave e pechábase.
Na casa puxémonos todos de loito a morrer mi padre, ai, negriño todo! De negro, andaría ata os catorce anos pero aos quince, cando comecei a tontear nas últimas pezas do baile, fun de alivio.
Vestidos: Os calcetíns eran de algodón ou de fío e había que zurcilos cunha lámpada ou un ovo de madeira (...) Daquela non había teas para facer roupa. Os ricos tinguían colchas, sabas, o que tiñan, tinguíase todo para facer roupa de vestir. O zapato que usábamos eran zapatillas e zocas (...).
De mociña peiteabámonos estilo arriba España (...) Cando estaba traballando, envolvía o pelo con cables de cobre da luz e á saída peiteábame.
Os casorios: As noivas casaban de escuro ou branco segundo estas variables: as que vivían na zona de Ferrol casaban, polo xeral, de branco (...) Nos barrios, nas vilas (...) e nas aldeas, casaban de negro agás as de condición alta que o facían de branco (...) Eu non casei de branco porque era a muller dun obreiro (...) Celebrámolo na casa de mi madre (...) O menú da voda foi un cocido e unhas bolas (...)
O racionamento: Ao pouco de rematada a guerra (...) había el ‘día sin pan’, un día sinalado no que os ricos non comían pan, entregábano como un sacrificio que facían e dábase para os pobres (...) Pasábase moita fame. Como non me vou a acordar! Daban un pedaciño de pan por persoa, e en Ferrol aínda tiñan unha ración, pero aquí non, ao mellor pasabamos unha semana ou quince días sen ela.
Os cines: Os domingos iamos a Ferrol aos cines (...) e poñían moitas rancheiras.
O traballo: Comecei a traballar na Fábrica de Lápis cando aínda non cumprira os dezasete anos (...) Alí gañaba 5,25 pesetas. Iso que no inverno, madrugar, pasar na lancha (...) Entrábamos ás oito e cuarto, parábamos ás doce, volvíamos á unha e media e saíamos ás seis da tarde (...) Mi madre tamén gastaba na lancha para levarnos o xantar (...) Eramos duascentas persoas, case todas mulleres (...) Se estabas enferma perdías o día e os cartos non chegaban (...) Había Seguridade Social, que empezou no corenta e catro, aínda teño a cartilla. Tamén teño o carné da Falanxe, porque tiñas que ser por forza do sindicato vertical.
De seguro que ningún manual de Historia, da historia que se ensina nos colexios, nos ofrece unha aproximación tan real aos tempos do Franquismo en Ferrol e Mugardos, como este enriquecedor libro, do que agardamos por parte das autoras novos estudos, pois aínda son moitas as mulleres que merecen ser recuperadas para a memoria colectiva de todos nós.
Portada | Opinión | Ferrol | Narón | Comarcas |
Galicia | Deportes | España | Mundo | Economía |
Sociedad | Comunicación | Última Página | El tiempo |
Titulares | Servicios | Agenda | Exposiciones |
Cartelera | Correo |